Miguel Rodríguez (IES Terra de Soneira): «Unha parte moi alta de exalumnos da rama de administración están traballando»
CARBALLO
Especial FP na Costa da Morte | O director do centro destaca que os ciclos que imparten «teñen moi boas saídas laborais e cunha inserción laboral alta»
25 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O IES Terra de Soneira de Vimianzo oferta dende o curso básico de Servizos administrativos ata o medio de Xestión administrativa e o superior de Administración e finanzas, todos de maneira ordinaria e presencial. O básico nunca chegou a impartirse por falta de alumnado. Nos outros dous, con 30 prazas cada un, a demanda é baixa, «case no límite para mantelos», manifesta o director, Miguel Rodríguez, que chegou ao centro hai oito anos. Como el explica, «non son os máis vocacionais, pero teñen moi boas saídas laborais e cunha inserción laboral alta. Moitos exalumnos están traballando. Ademais, para eles é moi positivo o feito de que sexan poucos porque os grupos son reducidos, cunha atención personalizada e unha maior inserción nunha ampla variedade de postos públicos e privados. Non só en oficinas e despachos, senón en calquera empresa». Xa fixeron algún intento para ofertar máis ciclos, segundo indica.
Ao grado medio adoitan acceder mozos, unha vez rematada a ESO, e ao superior, cando rematan o bacharelato ou con 30 e 40 anos ou máis, «xente que se está reciclando laboralmente».
Todas as formacións son de dous anos de duración. O habitual é que fagan as prácticas na empresa na segunda metade do segundo curso. «Coa nova normativa da FP, os ciclos ordinarios aseméllanse aos duais. As prácticas non son remuneradas, pero cotizan igual», valora Rodríguez.
As entidades coas que colaboran varían cada ano. Adoitan contar cunhas cinco ou seis, tamén organismos públicos. Algunhas foron Gerca, AR Vidal, a confraría de Camariñas, a Casa da Cultura do Concello de Vimianzo ou Cárnicos Domínguez, aínda que priman as xestorías, «a efectos de aplicar a teoría», e os bancos. Aprenden nocións de contabilidade, tesourería, xurídica, recursos humanos... «Ultimamente os profesores introducen moita dinámica de grupos polas tardes para a resolución de casos reais nas contornas laborais para mellorar a comunicación, as relacións laborais e o contacto co cliente», destaca o director do IES Terra de Soneira. Están abertos a ensinarlle o centro a toda aquela persoa interesada na súa oferta académica.