Manuel Antelo (IES Agra de Raíces): «Do ciclo de auxiliar de enfermería naceron cooperativas de Casas do Maior»

Melissa Rodríguez
melissa r. s. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Manuel Antelo, director do instituto ceense Agra de Raíces
Manuel Antelo, director do instituto ceense Agra de Raíces ANA GARCIA

Especial FP na Costa da Morte | O instituto busca consolidar o ciclo superior de Hixiene bucodental, traslada o director vimiancés

25 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O vimiancés Manuel Antelo exerce de director no IES Agra de Raíces de Cee, que vén de graduar á primeira promoción do ciclo superior dual intensivo de Hixiene bucodental «de centros públicos de toda Galicia», presumen os docentes do centro con catorce alumnos. A súa oferta de formación profesional complétase co ciclo medio de Coidados auxiliares de enfermería. Neste grado, téñense dado exemplos de estudantes que logo emprenderon con «cooperativas de Casas do Maior que están funcionando polo territorio», traslada Antelo. É unha das saídas posibles, tamén como autónomo ou por conta allea, lembra o director. Esta FP é unha «referencia» debido aos moitos anos que leva implantado no centro. Por iso se cobren todas as prazas ofertadas (25) «e máis se houbese». «O coidado das persoas é fundamental na sociedade na que vivimos agora. É unha necesidade e, por tanto, ábrense moitas posibilidades», sostén o soneirán.

Moito máis recente é o grado superior en Hixiene bucodental, o cal buscan consolidar. Tamén aquí lembra o docente a posibilidade de emprender tras completar a formación: «Pensamos que presta un servizo importante na contorna e que abre expectativas de postos de traballo cualificados. Somos o único centro que o oferta fóra das cidades. Levabamos bastante anos intentando conseguilo».

As mulleres cobren a gran maioría das prazas ofertadas en ambos casos. Hai 22 vacantes no que habilita como hixienista. Porén, vanse incorporando homes. «Hai que romper prexuízos, estamos nese camiño», di satisfeito o director do centro ceense. O ciclo de técnico de coidados abarca dende persoas que rematan a ESO ata adultos que se queren capacitar para exercer con titulación neste campo.

A FP atrae cada ano a máis alumnos no Agra de Raíces, aínda que a maioría optan pola formación universitaria. O ciclo superior dá continuidade ao medio e habilita para ir á universidade. «Os da FP dual saen integrados na empresa. É unha aposta segura para as entidades», conclúe.