Ana Facal (IES Maximino Romero de Lema): «O ciclo modular a distancia está tendo bastante demanda coas 50 prazas cheas»

Melissa Rodríguez
melissa r. s. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A zasense Ana Facal.
A zasense Ana Facal. ANA GARCIA

Especial FP na Costa da Morte | Para o curso 2027-2028, tratarán de ampliar a oferta con cursos de especialización da rama da informática e das novas tecnoloxías, avanza a directora

25 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES Maximino Romero de Lema de Zas ofrece tres ciclos, dende o básico ao medio e ao superior, este último, modular a distancia, da rama da informática e das novas tecnoloxías. En concreto, de menos a máis nivel, oferta Informática de oficina, Sistemas microinformáticos e redes e Desenvolvemento de aplicacións web. Ana Facal é a directora do centro e explica que este último está triunfando coas 50 prazas cubertas. Nel o perfil é moi diverso, dende alumnos do ciclo medio que continúan no superior, a autónomos e traballadores. «Este curso temos a dez estudantes que fixeron o ciclo en dous anos e dous que proceden do medio. O resto traballan e o obxectivo é dedicarse ao mundo da informática. Unha persoa quitou todo deces e traballa. Estamos moi contentos porque demostra que permite acadar os mesmos niveis de calidade que a formación presencial. Serve para especializarse», destaca a docente.

O de grado medio foi o primeiro en implantarse e móvense entre as 25 e as 30 prazas cubertas, o total ofertado. Logo, chegou o básico. «Somos o único centro da zona que temos esta modalidade, aínda que nunca chegamos a completar as dezaoito prazas. Axúdalle a aquel que ten dificultades coa ESO e tamén van a empresas. Sempre lles recomendamos que fagan o medio porque aínda son moi novos», explica.

Para o curso 2027-2028, xa avanza que buscarán ampliar a oferta cos cursos de especialización vinculados a esta rama, na que o alumnado adquire competencias moi prácticas e valoradas no mercado laboral, que está en constante crecemento. «Xa non só para unha empresa de informática, senón para calquera», remarca a directora. Os alumnos fórmanse tamén en intelixencia artificial.

As prácticas fanse na recta final dos ciclos. Moitos estudantes non son da localidade, polo que as colaboracións esténdense a numerosos municipios galegos. «A situación persoal de cada persoa, a dispoñibilidade horaria e o lugar de residencia téñense en conta á hora de buscarlle empresa», asegura Facal.