Cómaros verdes | Chega o cuarto «guasá» dende Suíza, enviado por Xosé Antonio Andrade
11 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hans é enxeñeiro de obra civil. Acaba de facer oitenta anos sen abandonar o seu proceso creativo. Con só oito perdeu o pai nun accidente de traballo. Ten a ollada limpa de quen sobreviviu a todo desánimo; e fala de xeito pausado, preciso, con certa cadencia musical. Victorina lévalle catro anos ao seu home. A súa faciana conserva a forma redondeada dos pomos que eu, sen razón fundada, atribúo a unha orixe romana. Seu pai foi camareiro nos hoteis máis luxosos de Europa antes de fundar a súa propia hospedaría, na que traballaban 25 empregados de sete nacionalidades. Intúo que alí forxou esta muller o seu carácter aberto e un don de xentes que converte o seu arredor en perfecta mansedume.
A mesa de almorzo, que a propia parella dispuxo para nós, atesoura o «saber estar» de varias xeracións. Coma sempre en convites así, entro en pánico: non sei se o croissant debe partirse coa man ou empregar algún dos coiteliños. Tampouco sei de certo se debo botar a man ao chou ou agardar a que me sirvan. Espero a que tome a iniciativa Antonio Rodríguez —que atravesa o mundo en avión como eu collo o «directo» á Coruña— e trato, con torpeza, de seguilo.
Finalmente, reláxome (e quedo marabillado) cando comprobo que Hans vai á cociña e volve cunha segunda taza de café para Dolores, a moza de Lousame que lles bota unha man na casa. Para eles, Dolores é a súa «filla máis nova». Lembro axiña que os Faure, familia para a que traballaba mamá, choraron cando esta lles anunciou que deixaba Francia definitivamente. Quedan persoas para as que a dignidade humana é un fixo salarial non absorbible por complementos retributivos.
Hans e Victorina falan sete idiomas con soltura. Cando nos dispoñemos a erguer da mesa, preguntan se poderiamos falar o noso por uns minutos. Di ela que aínda están a tempo de aprendelo tamén.