Eclipse, ciencia e literatura para este xoves na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Blanco xa deu unha charla sobre a eclipse en Malpica, alá por abril
Blanco xa deu unha charla sobre a eclipse en Malpica, alá por abril ANA GARCÍA

Óscar Blanco ou Antón Baamonde son algunhas das voces convidadas que hoxe terá a comarca

11 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Xoves 11 de xuño e varias citas na axenda para este día na Costa da Morte:

Dumbría • Astrofotógrafo, monitor Starlight, cazado de eclipses e director do Centro Astronómico de Trevinca, o divulgador científico Óscar Blanco ofrecerá hoxe unha charla en Dumbría: 19.30 horas, edificio Bitácora de O Ézaro. Leva por título Eclipse solar: unha oportunidade única? A cita está impulsada dende o Concello dumbriés, coa colaboración da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte. Gratuíto.

Carballo • A proposta de hoxe na capital de Bergantiños vai de literatura e palabras. A sede de Espiral Maior Foro, no número 34 da rúa Sol, acollerá ás 20.00 horas a presentación do libro Agora non é antes: ideas para unha revolución tranquila, da autoría de Antón Baamonde. Canda el estarán Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, e Miguel Anxo Fernán Vello, escritor, editor e director de Espiral Maior. O acceso será libre.

A Laracha • Baixo o paraugas da súa participación no programa Voz Natura, dende o colexio Ramón Otero Pedrayo da Laracha programaron para hoxe o seu Día da Ciencia. Alumnado de quinto e sexto de primaria programaron diferentes experimentos que presentarán ao resto de estudantes, en horario de 10.30 a 12.00.

Buño • Na sede do GALP Costa da Morte —no Centro de Artesanía e Tradición de Buño—, ás 17.00 horas, terá lugar o foro de avaliación intermedia da estratexia deste Grupo de Acción Local Costeira. A participación no encontro é libre.