Cómaros verdes | Un novo «guasá» desde Suíza, enviado por Xosé Antonio Andrade
10 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Este pasado sábado, máis de cen persoas participamos en Biel/Bienne nun acto solidario a favor de ASGPOH. O evento comprendía actuacións musicais, un documental premiado e un café literario, ao que estabamos convidados Antonio Rodríguez Castiñeira, con orixe familiar en Laxe, e eu. A través de prismas diferentes, ambos temos tratado o mundo da emigración na nosa escrita. Con todo, falar de libros, mesmo se a temática toca de cerca ao auditorio, adoita ser unha prédica no deserto. Por iso me sorprendeu que ninguén dos presentes erguera da mesa cando se nos concedeu a palabra.
Fixémoslle así xustiza a un ensaio (Les chemins de la colère), que xa debería estar traducido ao galego. O autor é xornalista, especialmente coñecedor das entreteas do mundo económico. Mais nesta obra amosa unha sensibilidade que transcende a desfeita bancaria de Lehman Brothers, e os seus efectos devastadores a nivel global, para volver a unha infancia que nos permite reinterpretar o drama familiar de cada estirpe emigrante. A través da dobre lectura deste road trip do meu tocaio, identifiqueime plenamente co neno que ambos fomos. El viaxando no asento traseiro dun Opel Ascona cor laranxa, eu na cueira arrastrada, entre maletas e bolsos, dun Renault «Catrele» de tres marchas.
Viñéronme as bagullas aos ollos ao descubrir como a conversa que ían tecendo os viaxeiros dos asentos dianteiros era a mesma en ambos vehículos.