Suíza, o paradigma do respecto e da conservación do propio

XOSÉ ANTONIO ANDRADE

CARBALLO

O piano de cola do salón mencionado neste artigo
O piano de cola do salón mencionado neste artigo X. A. ANDRADE

Cómaros verdes | Terceiro «guasá» desde Suíza, enviado polo coristanqués Xosé Antonio Andrade

09 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un par de días editei no meu perfil de Facebook unha fotografía do lago Biel/Bienne e os fermosísimos tellados de Twann, vistos desde o cordal do Jura. As tres liñas ao pé dela valéronme unha restra de descualificacións persoais. Aprendín así que a ironía como recurso estilístico pode representar un serio problema de comprensión para os receptores da mensaxe, mesmo cando estes son ben intencionados.

Para conforto e tranquilidade duns e outros, reitero o meu parecer —esta vez sen artificios expresivos— de que Suíza é o paradigma do respecto e a conservación do propio, nomeadamente da súa vivenda tradicional; como tamén o é da promoción equilibrada de casas que, apartándose do prototipo convencional, son modelo de confort, funcionalidade e autosuficiencia enerxética.

Podo dar fe diso: a xenerosidade helvética permíteme pasar estes días nunha delas. Nada de ostentación. Nin dentro, nin fóra. Faría unha excepción cun marabilloso piano de cola no salón, de non ver sobre del a partitura completa das Improvisacións de Schubert.

Porque a sensibilidade musical adoita ser máis o resultado dunha envexable tradición cultural que dos moitos cartos. E aquí non hai ironía nin sarcasmo que valla. Ata mañá.