O teatro de Baio despunta no certame da Deputación

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pablo, no centro, e Marco, á dereita, están nomeados en teatro afeccionado
Pablo, no centro, e Marco, á dereita, están nomeados en teatro afeccionado ANA GARCÍA

Para este venres 12 está programada a entrega de premios do Certame de Teatro Escolar e Afeccionado, no Teatro Colón coruñés

08 jun 2026 . Actualizado a las 20:18 h.

Vai ser este vindeiro venres 12 de xuño un día intenso. Non só na Costa da Morte, senón tamén fóra dela, e para mostra a entrega de premios do Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña. Os galardóns da que xa é a súa 27.ª edición serán os protagonistas dunha gala prevista no Teatro Colón da Coruña para as 20.00 horas e na que o teatro baiés terá bo papel.

Mostra diso é a categoría benxamín no apartado de mellores actores e actrices de reparto, pois os cinco nomeados son todos eles da obra Os poetas e o lume, do colexio Labarta Pose de Baio: María Cundíns Castro, Lucas Abelenda Lema, Hugo Castiñeiras Pérez, Alba García Camafreita e Érika Mallón Millones. Ben pode dicirse logo que o premio está garantido.

Por outra banda, na categoría de teatro afeccionado e no apartado de mellor actuación, entre os cinco candidatos do certame provincial figuran dous dos actores do grupo de teatro Badius, que presentou a concurso a súa última obra, titulada O parvo. Son Pablo Soto Videla e Marco A. Álvarez Rodríguez.