Rodearse de xente coma carballos

YÉSSICA NANTÓN REMUIÑÁN

CARBALLO

Yéssica Nantón, intres antes dunha das edicións dos Premios Galegos da Regueifa, dos que leva anos sendo destacada participante
Yéssica Nantón, intres antes dunha das edicións dos Premios Galegos da Regueifa, dos que leva anos sendo destacada participante BASILIO BELLO

En primeira persoa | Xa mo dicía a miña primeira compañeira de traballo: «Nena, o corpo aguanta máis do que pensamos» (...) Son Yéssica Nantón, regueifeira, artesá e vendedora nata

08 jun 2026 . Actualizado a las 00:55 h.

Eu son Yéssica Nantón Remuiñán, regueifeira, artesá e vendedora nata. Nacín no verán do 93, ás portas do Día de Galiza, e sempre tiven a enorme sorte de acompañar a meus pais a todo canto sitio ían. Entre eses lugares, as regueifas e as feiras de artesanía eran sitios habituais, e así é que forman parte dos mellores recordos da miña infancia. Apenas tiña dez anos cando quedou para sempre en min, gravada a lume, a primeira vez que vin cantar a Guillermo da Rabadeira e a Fermín da Feiranova na Rabadeira e, grazas a eles, a admiración por esta arte. Máis tarde coñecería a Antonio e Suso de Xornes, José de Severo e a outras figuras ligadas a Borneiro, a miña terra paterna; entre elas meu bisavó, Plácido de Vidreiro, do cal descoñecía que fora regueifeiro. Parece que o xen da improvisación xa estaba na liñaxe familiar!

Foi arredor dos 22 anos cando comecei a dar os primeiros pasos como regueifeira, chea de inseguridades e coa síndrome da impostora facendo das súas, pero rodeada de xente que me animou de maneira incondicional. A comisión de festas de Borneiro no 2019, polas festas das Virtudes, deume a oportunidade de actuar, por primeira vez, nun palco importante, acompañada dun grande como Antonio de Xornes e nun lugar moi significativo para min, o campo do Briño. Alí sentín moi preto a meu avó, que seguro que desde aló arriba celebrou orgulloso ver a súa neta nun escenario.

Desde aquela chegaron máis regueifas, obradoiros nas escolas ensinando a vella regueifa de Bergantiños e actuacións moi especiais, como a última na Rabadeira. Unha noite de render unha pequena, pero sentida homenaxe, a Guillermo e a quen nos precedeu e abriu camiño para que a regueifa siga hoxe viva. Outro soño cumprido: regueifar na parroquia de Seavia, preto de Amboade, a terra de miña nai. E, unha vez máis, con Antonio de Xornes ao meu carón, unha persoa fundamental no meu camiño.

A inmensidade da palabra «nai»

No ámbito persoal, o día máis importante da miña vida foi o 5 de decembro de 2019, cando entendín a inmensidade da palabra «nai» coa chegada do meu fillo, Anxo Nantón Suárez. Si, o seu primeiro apelido é o meu, así o propuxo seu pai, para axudar a manter vivo un apelido pouco común e en homenaxe ao seu bisavó. E, casualidades da vida, as mesmas iniciais que seu avó, A.N.S. A maternidade, que tanto nos revolve a tantos niveis, tamén trouxo consigo unha nova etapa de reinvención. Tiña claro que quería ser eu quen criara o meu fillo, polo que decidín emprender para poder conciliar da mellor maneira posible —resumindo, aproveitando as noites para traballar—. E así naceu Anxouxeres (xogo de palabras con Anxo e axóuxere), desde abaixo, medrando pouco a pouco a base de moito traballo, sacrificio, horas sen durmir, sempre coa idea de innovar quitando máis ca piollos da cabeza, con ideas propias, e, por suposto, co galego por bandeira.

Pero a vida, que tanto me deu por un lado, tamén me puxo a proba, e de que maneira! Cun bebé de apenas un ano, nunha segunda ola de covid, seu pai sofre un accidente de coche que lle provoca unha lesión cervical grave que nos cambiou a vida por completo. Meses entre hospitais, operacións —nas cales eran altas as posibilidades de quedar prostrado nunha cama— e moito medo. Cando empezamos a ver a luz, un novo golpe afectoume a min directamente: unha vasculite coa que perdín visión e sensibilidade nun lado do corpo que me mantivo dous meses no hospital e da que aínda arrastro secuelas.

Desa época durísima non só aprendín a valorar o que tiña e a relativizar, senón tamén a seguir adiante cunha empresa que daba os seus primeiros pasos e un bebé que apenas camiñaba. Xa mo dicía a miña primeira compañeira de traballo —persoa fundamental para min, aínda hoxe—: «Nena, o corpo aguanta máis do que pensamos».

Yéssica Nantón, nunha das moitas feiras de artesanía ás que acode coa súa marca, Anxóuxeres
Yéssica Nantón, nunha das moitas feiras de artesanía ás que acode coa súa marca, Anxóuxeres BASILIO BELLO

E aquí seguimos. Con Anxouxeres en expansión, coa miña tenda online (www.anxouxeres.com), coas redes sociais medrando, con puntos de venda que xa considero familia e coa ilusión intacta de seguir creando produtos na nosa lingua, personalizados, exclusivos e feitos con cariño. Este verán percorrerei Galicia coa miña fragoneta en mercados e feiras, porque creo que nunca debemos perder o trato humano, o ti a ti, e así poderei achegar os meus produtos a todos os recunchos do noso país.

Se algo quero transmitir con esta historia é que vos rodeedes sempre de xente coma carballos: persoas que dean sombra, osíxeno e forza. E que loitedes polos vosos soños, mesmo cando pareza imposible. Remato dando as grazas ás persoas máis importantes da miña vida. Mamá e Papá, grazas por estar sempre, por axudar sen pedir nada a cambio e por entenderme sempre cunha simple mirada. Damián, aínda que ás veces che queira retorcer o pescoso coma un ghalo, grazas por mirarme sempre coma se fose o maior tesouro do mundo (a vida nunca moito lle sorríu). Anxo, fas que este mundo sexa un lugar moito mellor.

Yéssica Nantón Remuiñán. As palabras de Yéssica definen ben a súa propioa biografía. Non queda máis que concretar a data de nacemento, o 21 de xullo do 1993, en Borneiro (Cabana), mais mudada a Carballo con catro anos. Dada ao humor, engade algún detalle: «Bauticeime en Borneiro, fixen a comuñón en Carballo, confirmeime en Seavia e casei no Briño». Bergantiñá!