Sabor e esencia da Costa da Morte levedan en «Cociña do mar»

P. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Bautista Mato, nunha imaxe de arquivo, aínda no seu restaurante A Lareira
Bautista Mato, nunha imaxe de arquivo, aínda no seu restaurante A Lareira ANA GARCÍA

Máis ca un libro, unha viaxe gastronómica e cultural | Fundación Pondal, Embora e Juan Bautista Mato amasaron un xuño intenso en presentacións

08 jun 2026 . Actualizado a las 00:55 h.

Adiantado en Radio Voz hai xa cousa duns díaS, este xuño trae outra novidade literaria á Costa da Morte. Chega da man da Fundación Eduardo Pondal, da editorial Edicións Embora e do cociñeiro Juan Bautista Mato Castro (Canduas, 1952). Con texto do cociñeiro, edición de Xosé Manuel Varela e capa deseñada por Adrián Varela, avánzase unha obra «que recolle a esencia gastronómica do noso litoral», dá traslado Xosé Manuel. O volume é máis ca un libro, máis ca un receitario: concibiuse como «arquivo cultural e acto de amor á nosa identidade mariñeira». Unha viaxe, tamén, polos seus sabores.

De Bautista Mato, agora xubilado, destacan a conxugación da tradición galega coa ollada internacional. Formado aos comezos en Santiago, pasou logo por cociñas de Palma de Mallorca, Barcelona ou San Sebastián. Emigrou a Hamburgo sete anos e á volta estivo tres anos no restaurante O Paraíso (A Trabe, Ponteceso). Fundou a continuación en Baio a emblemática A Lareira: «A súa cociña é un proxecto de clan, marcada pola influencia e o traballo das mulleres da súa casa: Carmen, Mónica e Eva», indica Xosé Manuel. O libro evidencia unha cociña que é «a arte da simplicidade» e do respecto polo produto, en palabras do físico baiés Jorge Mira. 

Parte da capa da obra, un deseño de Adrián Varela
Parte da capa da obra, un deseño de Adrián Varela .

A viaxe que propón Cociña do mar é rica en experiencias, 56 receitas que van do máis tradicional ao contemporáneo, de materia prima de prestixio —vieiras, lumbrigante...— a outra «humilde». En toda ela verte o cociñeiro «a intelixencia do aproveitamento». Polbo da pedra de Laxe e Malpica, percebe de Corme e Muxía, moluscos dos ríos Anllóns e Grande, bacallau, gambas, dourada, raia, lagostinos, pescada, luras, rape, robaliza, salmonetes, gulas, sardiñas ou o mesmísimo ollomol que abre a publicación co himno a el dedicado por Arístides Valtierra, pseudónimo de Eduardo Pondal: Mais se un bo ollomol, sexa ou non de Ferrol, irisado e xentil, fociño romo, de arxénteos flancos e robusto lombo... 

A presenza pondaliana vén moi ao fío do que vai ser a intensa axenda de presentacións do libro este xuño, pois todas esas citas converteranse en encontro multidisciplinar. Todas elas sumarán uns petiscos e, segundo os lugares, actuacións musicais ou exhibicións artesás, grazas a un elevado número de colaboradores. Dende a Fundación e Embora sinalan que o obxectivo final pasa por que estas receitas e historias «viaxen e se compartan, mantendo vivo o relato de quen somos a través do recendo a salitre e a calor do fogar». A primeira parada con Cociña do mar será o luns 15, en Anllóns, Ponteceso. 

Tamén este mes, percorrido patrimonial por Corme Aldea e presentación do Boletín da RAG

Vén a Fundación Pondal de sumarse como socio á Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM). Na conversa en Radio Voz na que se daba conta da nova, xa Xosé María Varela, presidente da entidade pontecesá, avanzaba a idea de seguir expandido «marcos», saíndo do Couto.

Vese na intensa xira de presentacións de Cociña do mar, pero tamén noutras citas programadas para este mesmo mes. É o caso dun percorrido polo patrimonio artístico da parroquia de Santo Adrián de Corme, unha iniciativa programada para o vindeiro sábado 13 de xuño e que guiarán Félix Neira Pérez e Suso Lista. Xa se ten feito unha experiencia previa por Brantuas, Niñóns, Pazos e Tallo, con boa acollida e evidencia do valor deste patrimonio como recurso educativo. Na cita do 13 de xuño, que presentará Xosé Manuel Varela, colabora a asociación San Adrián de Corme. 

Por outra banda, para o sábado 20 de xuño (18.00 horas) está prevista a presentación do Boletín da Real Academia Galega (RAG) no que se recolle un artigo do estudoso Domingo Blanco sobre a regueifeira Leonarda de Tallo, primeira muller regueifeira da que se ten coñecemento. O acto será na igrexa Santo André de Tallo, con apertura poética de Carme de Pardiñas e intervencións de Henrique Monteagudo, presidente da RAG, e o propio Domingo.

O RONSEL DO LIBRO: PRESENTACIÓNS VINDEIRAS

Luns 15 de xuño. Anllóns (Ponteceso). No local Campo da Escola, ás 20.00. Inclúe petiscos. Presentan Icía e Xosé Manuel Varela. Peche musical con Icía e Haruna Chatani. Colabora AC Campo do Río.

Martes 16 de xuño. Brantuas (Ponteceso). Na Casa dos Veciños, ás 20.00. Tamén aquí haberá petiscos. Presenta Xosé Manuel Varela. Peche musical con Haruna e Icía. Colabora AC Nosa Señora do Faro.

Haruna Chatani e Icía Varela
Haruna Chatani e Icía Varela ANA GARCIA

Mércores 17 de xuño. Cores (Ponteceso). No local social da Campara, ás 20.00. Non faltarán petiscos nin peche musical, coa Coral de Cores e as pandeireteiras A Xolda. Colaboran ambas entidades. Presentará Xosé Manuel Varela.

Venres 19 de xuño. Baio. No auditorio, ás 20.00, presentación e petiscos. Actúa Adro. Colaboran Concello de Zas, Adro, Badius, CD Baio, Tabeirón, Empresarios Comarca de Soneira e BaiOn.

Luns 22 de xuño. Corme Porto. No Museo de Corme, ás 20.00. Presenta Icía Varela. Ademais dos petiscos de mar, demostración de Rosa Rodríguez (Redeiras Illa da Estrela). Peche musical coa coral Brisas do Mar. A maiores destas entidades, colaboran a confraría, a asociación de veciños Eduardo Pondal e mais Insua de Viastela.

Mércores 24 de xuño. Pazos (Ponteceso). No local social, ás 20.00 horas. Presentación e petiscos. Presenta Icía Varela. Peche artístico coa coral San Salvador de Pazos.

Xoves 25 de xuño. Tella (Ponteceso). No local social Os Seixos, ás 20.00. Presentación e petiscos. Presenta Xosé Manuel Varela. Demostración artesanal coa cesteira Teresa Seara. Peche musical con Jesús Couto Varela e Manuel Caridad. Colaboran Os Seixos e O Son das Varas.

Venres 26 de xuño. O Couto (Ponteceso). Na Fundación Pondal, ás 20.00. Libro e petiscos. Peche con Sara Varela (voz) e Sindo de Matío (acordeón). Colabora A Casa da Muller.