Nidau ten a súa Ribeira Sacra

xosé antonio andrade

CARBALLO

Cada casa semella un museo
Cada casa semella un museo X. ANTONIO ANDRADE

Cómaros verdes | Un segundo «guasá» de Xosé Antonio Andrade dende Suíza

07 jun 2026 . Actualizado a las 20:47 h.

Nidau ten a súa propia Ribeira Sacra, aínda que sen románico. Esténdese pola aba de Twann, na banda dereita do lago Biel. Fáltame probar o caldo destas viñas. Polo de pronto, o que seduce é unha paisaxe de socalcos, abeleiras e teitos interminables. Cada casa semella un museo etnográfico. As pérgolas de xardín avergonzarían escenarios de Visconti. A disposición e o coidado das vides son propias de quen padece un TOC. Esta mañá, ao pé dunha das adegas máis vellas, vin como un octoxenario sacaba pátina a un tractor de postguerra. Malia que tampouco hoxe tivemos un día solleiro, máis aló da illa de Saint Pierre, a tarde vestía unha estreita, pero intensa cenefa azul, sostendo sobre si levidades de algodón. Non en van, o filósofo J. Jacques Rousseau refire esta singular celaxe no seu opúsculo Les Rêveries. Por aquí pasaron tamén outras ilustres xentes, como Goethe ou Joséphine Bonaparte. E un rapaz de Seavia, claro. (Avance: O guasá de mañá vai de cómaros e viaxes en taxi).