A este sábado non lle vai faltar festa nin ocio na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

En Verdillo volverá haber cita coas sardiñas e as actuacións variadas
En Verdillo volverá haber cita coas sardiñas e as actuacións variadas BASILIO BELLO

Carballo, Ponteceso ou Cee acollen citas destacadas nas que non faltará música ou gastronomía. A axenda é inmensa, de cabo a rabo

06 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Primeiro sábado de xuño e a festa bota por fóra na Costa da Morte, con destacados epicentros —todos os seguintes— e moitas outras propostas de ocio —ver máis abaixo—. Vén intenso o día:

Albaroque en Verdillo

Día grande, xornada de comunidade promovida por Arume, este ano baixo o lema Verdilleses desde 1982, un tributo aos inicios. Abrirá o día a Escola de Baile e Música Tradicional (12.00) e seguirá o Coro Aires de Bergantiños (13.15), antes da parada para a sesión vermú con bailes latinos e o xantar a base de sardiñada, coma sempre de balde. Na sobremesa chegarán os Cantos de Taberna (16.00) e máis a proposta familiar, unha actuación de Peter Punk con Peor imposible (17.30). O baile moderno de Arume (19.00) e a cuarta edición do festival IX Son Pineiro, coa actuación de O Tren da Unha (19.30) pecharán unha velada de plena identidade.

Por Brantuas (Ponteceso) tocará raxo este sábado
Por Brantuas (Ponteceso) tocará raxo este sábado ANA GARCÍA

Raxo en Brantuas

A gastronomía tirará tamén este sábado cara terras de Pondal, pois en Brantuas está programada unha nova edición, a 31.ª, da Festa do Raxo impulsada pola asociación Nosa Señora do Faro. Terán música, baile e música tradicional, pregón a cargo dos profesores Fina Paulos, Lorena Cerdeiro e Óscar Rey, sesión vermú e tardeo con D’Festa e Impacto. Por suposto, terán raxo, máis non só: polo e tamén empanada.

A Festa do Porquiño ao Espeto da Pereiriña (Cee), en imaxe de arquivo
A Festa do Porquiño ao Espeto da Pereiriña (Cee), en imaxe de arquivo BASILIO BELLO

Porquiño en A Pereiriña, coa París e a Panorama

Máis gastronomía, e neste caso viaxando ata Cee. Alí é a entidade Xente da Tralla a que impulsará a novena edición da súa Festa do Porquiño, en A Pereiriña, con gran asado previsto para as 14.00 horas, a 15 euros a ración e con viño de balde. Peta Forte encargarase dos pasarrúas e a sesión vermú correrá a cargo de MM e o dúo Calú, con tardeo engadido da man de Male. Hinchables, animadores e touro mecánico traerán goce para pequenos e grandes, mais outro milagre chegará pola noite, pois na Pereiriña xuntarán a dúas das grandes orquestra de Galicia, a París de Noia e a Panorama. A quen lle guste a verbena, xa ten destino. O fin de festa virá co Borja Solla, para aqueles festeiros xa de madrugada.

A ruleta do CCA dará voltas todo o día na Praza de Carballo
A ruleta do CCA dará voltas todo o día na Praza de Carballo ANA GARCÍA

Que rule, que rule!

Cita algo máis calmada, neste caso comercial e impulsada polo Centro Comercial Aberto de Carballo. A campaña Que rule, que rule! é unha das súas iniciativas máis exitosas. Hoxe será a xornada colofón, a da ruleta na Praza do Concello —ou no mercado en caso de mal tempo—. Aqueles que fixesen as súas compras nos 61 comercios adheridos dende o pasado 20 de maio poderán acceder ás tiradas desta ruleta cos boletos que lle foron entregados nos establecementos. Son máis de 1.500 premios directos, experiencias e agasallos do máis variado, ademais da posibilidade de entrar en sorteos de vales para seguir apostando polo comercio local. A ruleta, que por certo é nova e en formato electrónico, funcionará de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Tamén estará a vintage, para aqueles nostálxicos.

Saia Santa estará na Festa do Curruncho Cuir de Carballo
Saia Santa estará na Festa do Curruncho Cuir de Carballo .

Festa do Curruncho Cuir

Tamén en Carballo, e da man do colectivo LGBTBIQA+ Curruncho Cuir, creado alá polo 2024. A programación deste sábado comezará ás 12.00 na galería Manolo Eirín, ao fío da exposición Ingredientes. De aí pasarán ao estudo Garabato, ás 13.30 horas, con Mon Lendoiro, para a mostra colectiva Sen permiso: palabra e corpo. «Un espazo de encontro entre a creación artística e a reivindicación social», avanza Mon. Xa pola tarde, ás 18.00, acollerá o Casino un obradoiro de regueifa contra a LGBTBIfobia da man de Xanhe O Rabelo: a tradición oral como ferramenta de expresión crítica e humorística fronte ás violencias. Un picoteo e un karaoke diverso dará paso á noite, dende as 23.00 na sala A Reserva e coa actuación de Saia Santa. A medianoite, a cita será no Patacón: pinchada de música diversa. Todo o anterior, de balde e sen inscrición.

E ADEMAIS...

A maiores das cinco citas xa espostas, estas outras festas:

Xantar A Milagrosa. Carballo • Organizado pola comisión de festas do barri carballés, será ás 15.00 horas no pavillón do colexio Xesús San Luís Romero. Antes incluirá vermú co DJ Frankstone, e tamén tardeo, de acceso libre.

Festas de Paiosaco. A Laracha • Misa ás 13.30, vermú con Acordes e verbena con Acordes, Impacto, DJ David Bermúdez e DJ Sote. Abrirá o día con dianas e alboradas.

Sacramento en Noicela. Carballo • Alboradas pola mañá. Ás 13.00, a misa solemne, seguida da tradicional procesión polo adro da igrexa. Macrosesión vermú co Dúo Reflejos e a Disco Móbil Fabrik. Verbena con Tania Veiras e Os Cumbiapop, ademais da Disco Móbil Fabrik. Durante a xornada haberá tamén sorteos.

Milagrosa en Lamas. Zas • Procesión en coche pola parroquia ás 12.00, misa ás 13.00, vermú e verbena coa orquesta Pontevedra e remate de festa coa discoteca Full.

IX Ruta Cabalar. Montemaior (A Laracha) • Tarde completa, con arranque de percorrido ás 15.00, parada para pinchos, sorteos e cea de confraternidade amenizada polo DJ Luciano Macaro.

A laxense Eva Añón, en imaxe de arquivo
A laxense Eva Añón, en imaxe de arquivo SANDRA ALONSO

Voces locais en citas coruñesas

Hoxe • As Xornadas de Portas Abertas dos Estudos de Arte organizadas polo Concello da Coruña darán cabida hoxe no espazo Sto Lat, dirixido polo artista Gosia Trebacz, a unha exposición de 15 obras pictóricas de Miguel Anxo Fernán Vello, pintor, editor e escritor asentado en Carballo. Son creacións realizadas no ano 2025 e máis outras obras recentes.

Por outro lado, a laxense Eva Añón, profesional especializada en comunicación dixital e intelixencia artifical aplicado ao ámbito sanitario, participará tamén hoxe na Coruña no décimo encontro Coruña Bloggers. Serán máis de 160 asistentes, de 10.00 a 19.00 horas. Eva Añón residente en Mallorca.

A escritora Silvia Tasende, nunha das súas presentacións
A escritora Silvia Tasende, nunha das súas presentacións ANA GARCÍA

Literatura e exposicións

Hoxe • A escritora e docente Silvia Tasende Cotelo continúa coa xira de presentacións do seu máis recente traballo literario, o poemario Pel Memoria. Con el xa pasou por Carballo ou Coristanco, mais hoxe será a quenda de Malpica. Poderase coñecer máis da obra, publicada na editorial Medulia, ás 20.30 no local O Cornecho. O acceso, libre.

Por outra banda, quedará instalada hoxe na Casa da Cultura Plácido Castro de Corcubión unha dobre exposición da fotógrafa Rebeca Ayala. As obras corresponden á súa anterior mostra, Gaivotas á terra, e suma unha nova proposta, Salón 2050. Visitas de luns a venres, horario de mañá e tarde.

Danza e teatro suman ocio

Hoxe • O ciclo provincial Escora Danza, na súa quinta edición, inicia hoxe percorrido pola Costa da Morte. Farao dende Vimianzo, donde a xornada abrirá ás 18.30 na Casa da Cultura cos coros de Cereixo e Carnés e a danza de Eva Comesaña. Merece salientar a representación de Ma p’tite dame, da creadora francesa Claire Heggen, a súa primeira actuación en Galicia. Acceso libre e de balde.

No municipio de Zas, por outra banda, será xornada de teatro. Está en marcha a IX Mostra Labarta Pose, e a cita de hoxe será con Vagalume (Carballo) e a súa obra Operación barranco, comedia de enredo: 21.00, auditorio de Zas, acceso gratuíto.

<span lang= gl >Unha das formacións rochosas dos Penedos de Pasarela e Traba</span>
Unha das formacións rochosas dos Penedos de Pasarela e Traba XOSÉ AMEIXEIRAS

Penedos: ruta e 20 anos de loita

Hoxe • O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) ten organizada para hoxe unha ruta conmemorativa polos 20 anos de loita polos Penedos de Pasarela e Traba. A saída está fixada para as 10.30 dende a escola de Pasarela, onde antes de partir se lle entregará a cada asistente un libro editado para a ocasión por estes vinte anos (ou máis) de mobilización. Haberá ao remate tamén un pequeno acto.

Avanzará, doutro lado, a iniciativa Aldea Cultural, impulsado pola asociación Adro de Vilaño (A Laracha). Ás 11.00, no centro sociocultural, obradoiro para emprendedores no rural, maiores de 18 anos. É de balde.

O cuarteto Debiselas actuará esta tarde en Malpica
O cuarteto Debiselas actuará esta tarde en Malpica Pablo Rocha

Concertos en Malpica e Muxía

Hoxe • Tamén da man da Deputación botará a andar hoxe unha nova edición da Festa da Música, e faino dende o auditorio do centro cívico de Malpica. Alí, ás 20.00 horas, intervirá o Cuarteto Debiselas con Merendola desconcertante. O acceso é libre e de balde e o Concello, colaborador, ten incluída a cita no programa conmemorativo das Letras.

A outra cita musical da xornada chegará dende a vila da Barca, Muxía, onde avanza no cámping Lago-Mar a súa programación cultural de xuño. Se onte foi teatro, hoxe será indie-rock cos ferroláns Feed The Pet, unha intervención programada para as 19.30 horas. Xestiona Horta Creativa.

Ramón Saleta, secretario da coral Brisas do Mar de Corme
Ramón Saleta, secretario da coral Brisas do Mar de Corme JOSE MANUEL CASAL

Dúas saídas e un recoñecemento

Hoxe • A Real Academia de Belas Artes fará entrega hoxe aos membros da coral Brisas do Mar de Corme da insignia á constancia musical Marcial del Adalid. O acto está programado para as 19.00 horas, no Museo de Arte Contemporáneo cormelán. Haberá intervencións, tanto por parte da Real Academia, co seu presidente, Manuel Quintana, como por parte da coral.

Tamén no mundo da polifonía, a coral Costa da Morte (Cee) intervirá hoxe nun encontro en Bimenes (Asturias), convidada polo coro Errante. Mentres, a coral Vento Mareiro de Camelle desprázase ata a XIII Xuntanza Coral prevista en Santiago de Compostela (18.30).