Ruta conmemorativa dunha mobilización cidadá que marcou a historia: «Celebramos tres vitorias polo menos»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Portada da publicación editada polo Semescom con motivo destes 20 anos de loita
Portada da publicación editada polo Semescom con motivo destes 20 anos de loita .

O Semescom ten organizada para mañá unha andaina con reparto de libro: 20 anos de «Salvemos os Penedos!». Saída ás 10.30 horas de Pasarela, en Vimianzo 

05 jun 2026 . Actualizado a las 14:42 h.

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) ten organizada para mañá, sábado 6 de xuño, unha ruta conmemorativa polos 20 anos de loita pola defensa dos Penedos de Pasarela e Traba, paisaxe única no mundo a cabalo entre os municipios de Vimianzo e Laxe. Toman como referencia unha marcha histórica levada a cabo o 11 de xuño do 2006, con máis de 300 persoas e convocada precisamente polo Semescom baixo o lema Salvemos os Penedos!, opoñéndose así á canteira que ameazaba esta paraxe natural.

«Dalgún xeito celebraremos polo menos tres vitorias», contaba onte en Radio Voz Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom. A primeira foi dobre, o rexeitamento desa canteira e a declaración dos Penedos como Paisaxe Protexida, o 12 de xaneiro do 2009. A terceira chegaría máis adiante, pois non faltaron novos motivos de loita, caso dos proxectos dos parques eólicos Monte Chan e Pena dos Mouros. En verdade, as ameazas xa tiñan precedentes, como unha primeira canteira na base da chamada Pedra da Cachucha contra a que a asociación Adiante Soneira convocara mobilización no 1997. Á fronte, Roberto Mouzo Lavandeira ou o escritor Manuel Rivas Barrós, autor dunhas palabras que Lema cataloga de eslogan, manifesto da beleza e do valor destes Penedos: «O Henry Moore ficaría sen fala e o Chillida seguramente se dedicaría a outra cousa».

É a anterior unha versión moi resumida destes Vinte anos de loita polos Penedos de Pasarela e Traba. Mais este, xustamente, é o título dun pequeno libro editado polo Semescom con motivo destes dous decenios e que todos os asistentes á ruta conmemorativa de mañá recibirán como agasallo. As primeiras vinte páxinas é o detallado reconto por parte da directiva da entidade de todo canto ocorreu neste tempo, no que non faltaron iniciativas de visibilización como almanaques, un certame de poesía, unha guía ou un documental. As restantes páxinas da publicación son colaboracións literarias de autores e autoras da Costa da Morte, en prosa ou en verso, ademais das contribucións técnicas de Vidal Romaní ou Augusto Pérez Alberti. Así, á exposición de feitos de Lema suman palabras desinteresadas para este libro «que resume toda a evolución» os escritores María Lado, Rivadulla Corcón, Concha Blanco, Xela Cid, Branca Vilela, María Canosa, Miguel Anxo Mato Fondo, Rosalía Fernández Rial, Olga Rodríguez, Pablo Sanmartín, Sol Rivas, Manuel Chouza, Xan Fernández, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Recamán, Natalia Lema, Rosa G. Vilariño, Alexandre Nerium, Pepe Carballude, Suso Bahamonde, Miro Villar, Xosé Ameixeiras e Moncho Gándara.

Saída ás 10.30 da escola de Pasarela

A ruta conmemorativa prevista mañá, sábado 6 de xuño, partirá ás 10.30 dende a escola de Pasarela. Antes de saír entregarase a cada asistente un exemplar do libro editado para a ocasión polo Semescom. Finalizado o percorrido, haberá un acto ao pé da Pedra Multiforme. Recomendan levar comida para un xantar de confratenirdade.