A memoria da costa

CARBALLO

Faros. Son uno de los principales recursos patrimoniales de la Costa da Morte. Las fichas del censo permiten ir más allá y conocer sus características técnicas y algo de historia. En la imagen, el de Vilán, en Camariñas.
Faros. Son uno de los principales recursos patrimoniales de la Costa da Morte. Las fichas del censo permiten ir más allá y conocer sus características técnicas y algo de historia. En la imagen, el de Vilán, en Camariñas. ANA GARCÍA

Hai edificios que valen polo que son e outros que valen polo que lembran. Ao longo dos case 1.500 quilómetros de costa galega sobreviven centos de construcións que nunca aspiraron a ser monumentos. Non foron levantadas para impresionar a ninguén, senón para traballar, para gañar o pan e para facer posible a vida ao pé do mar. Hai cen anos, un terzo da poboación galega vivía directa ou indirectamente das actividades vinculadas ao mar. Hoxe mudaron os oficios e a economía, mais o océano continúa condicionando a nosa paisaxe, a nosa cultura. E esas construcións que aínda permanecen en pé son a mellor proba desa relación secular.

Estaleiros, fábricas de salga e conserva, almacéns, embarcadoiros, ramplas ou pequenas casetas de pescadores son moito máis que pedra, madeira ou formigón. Son a pegada visible de milleiros de historias anónimas. Entre esas paredes resoan aínda os golpes das ferramentas dos carpinteiros de ribeira, as conversas das redeiras, o esforzo dos mariñeiros que regresaban de faenar e a memoria das mulleres que fixeron das conserveiras unha parte esencial da economía galega.

Por iso, cando falamos deste patrimonio, non estamos a falar só de edificios. Falamos de palabras, de oficios, de costumes, de saberes transmitidos de xeración en xeración. Falamos dun xeito de entender a vida e dunha relación co mar que moldeou o noso carácter durante séculos. O patrimonio material é, en realidade, a porta de entrada a un patrimonio moito máis valioso: o inmaterial.

Cada construción que desaparece leva consigo unha parte desa memoria colectiva. Non cae só un tellado nin se derruba un muro. Esváese un anaco da historia de familias enteiras, dunha comunidade. Porque a identidade non se constrúe unicamente cos monumentos. Tamén se constrúe cos lugares onde a xente común traballou, soñou, sufriu e prosperou.

Detrás de cada un deles hai vidas, emocións e recordos, e merecen ser conservados. Non como pezas mortas dun museo, senón como espazos capaces de seguir contando quen fomos. Un país que esquece os lugares onde naceu a súa memoria acaba por esquecer tamén unha parte de si mesmo.