Uxía fará dobrete no Allo este domingo e as clausuras de curso imperan

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Uxía, en concerto das Letras Galegas no auditorio Mar de Vigo
Uxía, en concerto das Letras Galegas no auditorio Mar de Vigo Oscar Vázquez

Axenda musical da fin de semana | Esta disciplina artística terá importante peso nas vindeiras horas na Costa da Morte

30 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre hoxe e mañá • Na axenda desta fin de semana hai varias citas relacionadas coa música na Costa da Morte. Entre as destacadas, todas estas:

Canción en Malpica

Hoxe • 20.30 horas • Acolle o Fogar do Pensionista malpicán a presentación da Canción da Romaría de Santo Hadrián, unha peza con letra e música de Carlos Fidalgo. Estará acompañado por Luís Ramas, mestre, e por Eduardo Parga, alcalde. Os asistentes levarán un disco de agasallo, ata esgotarse.

Clausura en Cabana

Hoxe • 18.30 horas • Novo peche de curso, no pavillón de A Carballa. É a quenda para a Escola Municipal de Bailes de Salón e Ritmos Latinos. Ademais, para o vindeiro domingo 7 de xuño, ás 18.00 horas no auditorio, quedará a clausura da Escola de Música J. María Álvarez Canto.

Uxía nas Torres do Allo

Mañá • 19.00 horas • Logo de intervir onte á tardiña en Corcubión, a artista Uxía arribará este domingo ás Torres do Allo, en Zas, co seu concerto Cancións Begoñísimas, tributo á súa gran amiga Begoña Caamaño, homenaxeada este ano coas Letras Galegas. A sesión leva por título As letras das Circes e das Morganas. Acceso de balde.

Tradición en Dumbría

Mañá • 17.00 horas • O programa Maio das Letras impulsado polo Concello arredor do 17 de maio chegará mañá á súa fin cunha tarde de música tradicional. Clausuran curso as escolas da Asociación A Fonte Santa e dos Gaiteiros de Buxantes. Na Casa da Cultura de Olveira.

Carcaxía pecha curso

Mañá • 12.30 horas • A asociación Carcaxía festexará mañá no centro cívico de Malpica o su fin de curso. Gala na que música non ha de faltar.

Corpus en Vimianzo

Mañá • 12.00 • Na parroquia San Vicente de Vimianzo festexarán mañá o Corpus. Teñen misa ás 12.00, e compaña musical da coral Costa da Morte e da Banda de Música de Ponteceso. Agradecen ademais colaboración musical para a alfombra floral.

Moderna en Vimianzo

Mañá • 18.00 • Este domingo no auditorio será quenda de festival de música moderna coa Escola Municipal.

Tributo a Viqueira Vieites

Mañá • 11.30 horas • O Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes rende tributo mañá a Manuel Viqueira Vieites, O Gaiteiro de Vilaverde. Concentración de gaiteiros ás 11.30 horas na Alameda.

E ademais... verbena

É o caso de Pazos, Ponteceso, hoxe con vermú co dúo Dilema e verbena con Dilema e América SL. Mañá terán vermú con La Tremenda. Tamén festexan o Corpus en Brens (Cee), esta noite co trío Rosel, CDC e New York.