Teatro, baile, exposicións, festas ou encontros agrandan a axenda da xornada, que tamén leva música e literatura
30 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Máis alá das citas musicais deste sábado —ver esta información— e da especial presentación literaria programada en Fisterra (ver aquí), tamén haberá hoxe estoutras propostas culturais na Costa da Morte:
Teatro • Cando menos dúas citas. Unha, no auditorio de Zas ás 21.00, unha nova peza da IX Mostra de Teatro Labarta Pose: Un fiambre, unha rosca e un cancán, de Faíscas (Arteixo), pura comedia. Ao salón de actos de Laxe (19.30) chegará por outra banda a compañía aAntena con Sol fuerza, unha seria reflexión, con moito humor, do concepto de progreso. No escenario, Lucía Veiga, Manu Fernández e Virxinia Bermúdez.
Baile de maiores • En varias vilas. Zas, por exemplo, co dúo Marineda ás 20.00 no centro sociocultural. Por Oca (Coristanco) tocará o Trío Digital, e xa dende as 17.30.
Exposicións • A mostra de manualidades onte inaugurada no centro social de Dumbría poderá visitarse hoxe de 11.30 a 13.30. Non lonxe, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Cee, inaugúrase xustamente hoxe (12.00 horas) Óleos en lámina, pinturas de Fernando Lado: visitas un mes, ata 30 de xuño. Na presentación tomará parte tamén a alcaldesa.
Patrimonio • Hoxe é día de ruta guiada polo castro de Montes Claros e polas excavacións que nel se levan a cabo, parte da súa posta en valor. A cita será ás 11.00, con inscrición prvia: pode consultar prazas no 676 963 062.
Festas e encontros • O campo da festa de Pasarela (Vimianzo) será o epicentro hoxe dunha Ruta Cabalar que incluirá percorrido dende as 10.00, sesión vermú co dúo Veneguay, xantar e tardeo de novo con Veneguay e co DJ Rokiño. Aquí será a Pulpeira Mosquera a que se encargue das viandas, e tamén terán polbo na Pulpada de San Román (A Laracha), das 14.30 en adiante. Como actuacións, Os Revenidos (18.30), Leite con Jalletas (21.00) e Disco Impacto (a partir das 23.00).
Natureza e aprendizaxe • No programa Espías do Bosque da Asociación Senda Nova inclúese para hoxe un obradoiro de pegadas e indicios, con saída ao Bosque da Ribeira da Pena. Colabora a asociación de veciños de Aldemunde. Todos os participantes han de estar inscritos: consultas no 620 253 291.