Música, literatura, teatro e moita vida para este venres na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Uxía, no concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega. Hoxe estará en Corcubión
Uxía, no concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega. Hoxe estará en Corcubión Oscar Vázquez

Axenda | Vén intensa a xornada en Bergantiños, Soneira e Fisterra, con todas estas citas destacadas 

29 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Venres 29 de maio e numerosas citas na axenda para hoxe na Costa da Morte:

A Laracha • Ben querido polo público bergantiñán, será Oswaldo Digón quen poña fin hoxe ao 12.º Festival de Humor da Laracha. Será ás 22.00 horas, na Casa da Cultura, con entradas alí dispoñibles en horario de mañá (10 euros) ou, de quedar, dende as 21.00. Digón trae In-certo, un espectáculo que combina stand-up con teatro. Todo un diálogo co público arredor das cuestións máis diversas.

O humorista Oswaldo Digón
O humorista Oswaldo Digón Germán Barreiros

Carballo • A autora fisterrá Branca Vilela presentará esta tarde en Carballo, na sede de Espiral Maior Foro, a súa novela Ultreia no Camiño Inglés: a misión de Ara Solis. Con ela, ás 20.00 horas, estarán os estudantes Mateo Bermúdez e Daniela Muíño, así como o director de Espiral Maior Foro, M. Anxo Fernán.

Seguen, por outra banda, os actos do Conservatorio de Música. Hoxe, ás 17.30, audición de violonchelo no salón de actos. Ás 19.00 será viola.

Corcubión • Música e literatura nunha tarde única. Chega a Corcubión a xira de Indómitas, Nove ondas a Begoña Caamaño. É o libro-disco de Uxía, homenaxe a quen este ano mereceu as Letras Galegas, un traballo por certo ilustrado pola artista muxiá Viki Rivadulla. Concerto hoxe ás 20.00 na Casa da Cultura.

Malpica • Ás 20.30 no Fogar do Pensionista, e da man de Mallas de Area, presentación do libro Un mundo que se nos va: razones para rebelarse, de Carlos Taibo. Ademais, ás 12.00 no salón de plenos, presentarase a obra gañadora do 20.º certame Illas Sisargas: titúlase Desobediensia, de Nuria Vil.

Ponteceso • Na libraría A Tenda dos Libros —Avenida de Anllóns, 2—, nova cita co escritor Rober Cagiao e a súa máis recente publicación, Cadea de favores: 19.00 horas.

Coristanco • Ás 20.00 horas, na biblioteca, presentación do poemario Pel Memoria, da escritora Silvia Tasende, que ten raíces no municipio. Cultura, conversa e emoción.

Cerceda • Bota andar no complexo O Roxo o 18.º Torneo Fútbol Base nas categorías biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadetes: promove o Concello, coa colaboración do Atlético Cercedense, a Federación Galega de Fútbol e a Asociación Coruñesa de Epilepsia: pasarán polos campos máis de mil xogadores.

Tamén en Cerceda acollerá a biblioteca da Silva a sesión Descubrindo o mundo coa microbioloxía, para pequenos de 5 a 14 anos: 17.00.

Vimianzo • Xornada intensa en clausuras. Ás 17.00, no pavillón, exhibición das escolas de patinaxe, taekwondo e tiro con arco. Na Casa da Cultura, dende as 19.30, exporanse os traballos de arte e panillo. No auditorio, ás 20.30, a Escola de Teatro de Adultos representará Figurantes. A isto hai que sumar inchables para o alumnado das escolas dende as 18.30 na Praza, así como churrascada para este mesmo público dende as 21.00.

A Casa da Cultura de Vimianzo, en imaxe de arquivo
A Casa da Cultura de Vimianzo, en imaxe de arquivo Ana García

Laxe • No polideportivo, ás 17.00, clausura da Escola Municipal de Patinaxe Artística.

Ponteceso • Verbena en Pazos a cargo de La Fórmula, Impacto e DJ Bermúdez. Antes, ás 17.00 no pavillón, clausura da Escola de Deportes.

Cabana • Clausura das actividades sociais ás 12.00 horas, no centro de maiores.

Dumbría • Mostra de manualidades no centro social, de 12.30 a 14.00 e de 15.30 a 17.15.

O II Encuentro Pintero arranca no curtidoiro de Sofán e con networking

Hoxe • Reivindicándose como punto de referencia da divulgación científica nacional, en Carballo botará a andar hoxe o II Encuentro Pintero, que terá por sede este ano a vila. Unha representación dos equipos das persoas voluntarias que fan posible o festival Pint of Science en case 120 localidades de España viaxarán ata a localidade para poñer en común os resultados desta última edición, mais tamen para estreitar lazos á vez que gozar do entorno natural, a gastronomía e a cultura de Carballo. A súa estadía prolongarase durante tres días e o plan de hoxe pasa por unha inmersión na tradición local a través dunha visita guiada ao curtidoiro de Sofán (17.00 horas). Logo tomarán parte nunha sesión de networking e tapeo na Tasca Loirasa. Mañá e pasado, máis.