Haruna Chatani: Entre dous mares

Haruna Chatani

CARBALLO

Haruna Chatani está de volta na Costa da Morte. Na imaxe, en Camariñas, esta semana.
Haruna Chatani está de volta na Costa da Morte. Na imaxe, en Camariñas, esta semana. ANA GARCIA

En primeira persoa | Xapón e Galicia son dúas terras afastadas no mapa, pero no meu corazón están máis preto ca nunca

24 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheguei a Galicia pensando que atoparía unha terra completamente diferente ao Xapón. E, efectivamente, aquí coñecín unha lingua distinta, músicas que nunca antes escoitara e costumes que me eran descoñecidos. Pero, ao mesmo tempo, atopei algo inesperado: moitas cousas que me resultaban familiares e que espertaban en min unha fonda sensación de nostalxia.

Nas conversas tranquilas das aldeas, no respecto polas persoas maiores e na maneira agarimosa coa que se conservan as tradicións, descubrín algo que me lembraba á miña propia terra. Quizais por iso Galicia me fixo sentir na casa moito antes do que eu podía imaxinar.

Porén, hai algo curioso. Cando vivía no Xapón, nunca experimentara esa sensación de nostalxia. Mais ben tiña a impresión de que moitas destas cousas se ían esquecendo pouco a pouco na vida moderna. E, con todo, foi aquí onde ese sentimento apareceu con forza. Aínda hoxe cústame explicar por que.

Quizais non se trate dunha lembranza gardada na memoria do cerebro, senón dunha memoria máis profunda. Algo que habitaba no corazón ou na alma antes mesmo de nacer e que, ao entrar en contacto con esta terra, espertou de novo en silencio.

Pandeireta. Haruna Chatani e a malpicá Icía Varela, en Camariñas, con máis pandeireteiras de O Cansorriño. Alí foi onde a nipona comezou o seu contacto coa cultura galega, e alí regresou nesta súa segunda estancia en Galicia.
Pandeireta. Haruna Chatani e a malpicá Icía Varela, en Camariñas, con máis pandeireteiras de O Cansorriño. Alí foi onde a nipona comezou o seu contacto coa cultura galega, e alí regresou nesta súa segunda estancia en Galicia. ANA GARCIA

Música

A música foi unha das pontes máis importantes desta viaxe. Grazas ás cantigas, á pandeireta e ás moitas amizades que compartiron comigo os seus coñecementos con xenerosidade, puiden achegarme non só á cultura galega, senón tamén ás emocións e ás historias que viven nela. Cada canción é unha pequena memoria colectiva que continúa viva porque alguén a segue cantando.

Como persoa estranxeira, aínda hoxe sigo cometendo erros coa lingua e sorprendéndome por pequenas cousas da vida cotiá. Mais se Galicia se converteu nun lugar que sinto verdadeiramente como o meu fogar, é grazas ás persoas que me acolleron con afecto cando apenas podía falar español, que se preocuparon por min e que tiveron a paciencia de ensinarme palabra por palabra para seguir conversando comigo. Por iso síntome profundamente agradecida cada día.

Pobo galego

Na vida, nunca sabemos o que acontecerá mañá. Mais convivindo co pobo galego sigo aprendendo o valor de gozar da vida en calquera circunstancia, de compartir tempo coa familia e coas amizades, de sentar arredor dunha mesa para falar das alegrías e das preocupacións e de descubrir a riqueza que existe na vida en comunidade.

Hoxe sinto que vivo entre dous mares: o mar que rodea o Xapón e o océano que abraza Galicia. Son dúas terras afastadas no mapa, pero no meu corazón están moito máis preto do que nunca imaxinei.

DNI

A nipona Haruna Chatani chegou a Camariñas a comezos do 2024 con 28 anos co propósito de aprender español. Por aquel entón xa sabía xaponés, inglés, ugandés, camboiano e italiano. No 2023, visitara a vila do encaixe durante tres días coa súa nai por turismo. A súa proxenitora coñecera tempo antes a Óscar, do restaurante A Marina. E alí empapouse de galego. En Xapón, estudou Educación e Arte. A súa nai é profesora de piano, polo que dende pequena creceu rodeada de música. Tamén ela toca o piano e a ocarina. O día que escoitou por vez primeira a música tradicional galega non puido durmir en toda a noite pola emoción, confesou a La Voz nunha entrevista. Esa pulsión levouna a querer formarse. E fíxoo coa asociación local O Cansorriño, coa malpicá Icía Varela de mestra, e tamén coa agrupación Vaiche Boa, de Xaviña. Ao pouco de chegar, xa expresaba que, do mesmo xeito, gustáballe bailar e atrevíase a entoar coplas en galego. Coa súa partida, deixou unha fonda pegada na comarca, pero no 2025, Icía visitouna. E este ano, foi Haruna quen volveu á Costa da Morte e amosou moitos avances tanto na lingua como na música. De feito, xunto coa súa amiga Varela, acaban de anunciar unha xira para este outono e inverno co nome A música que nos une, os camiños que nos xuntan. Nela seguirán creando pontes entre culturas a través do koto e da pandeireta.