Teatro coa Mostra Labarta, Festas dos Maiores e moito máis para este 23 de maio na Costa da Morte
CARBALLO
Axenda | Literatura, teatro, música, divulgación, festas... Hai moito onde elixir para pasar esta xornada na comarca
23 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Como xa vén ocorrendo estes sábados anteriores, a axenda cultural e de ocio será nutrida. Nela, espazo para outras dúas novas Festa dos Maiores. Unha, no pavillón Limeisa de Cerceda a partir das 14.00 e cunha previsión de 700 personas, ademais de animación musical. En Muxía, a cita tamén será no pavillón: cómpre lembrar que se adiantou unha xornada do inicialment previsto, pois o 24 de maio será tarde decisiva da Copa da Costa sénior masculina. Polo demais, estas outras citas:
Arredor dos libros • Varias citas. En Malpica, Arturo Lezcano presentará a súa obra O país invisible: será ás 19.00, no Fogar do Pensionista, coa compaña de Marta Villar e promovido pola AC Campal. No bar A Gavilla de Corcubión, por outra banda, o autor fisterrán Modesto Fraga proseguirá coa xira de presentacións do poemario Do amor salgado, reeditado: 12.30, con acompañamento musical de Juanma Abelleira. Unha hora antes, ás 11.30, arrincará en Espiral Maior Foro (Carballo) unha nova sesión do club de lectura deste espazo, nesta ocasión arredor de Viaxe a Libunca, de Antonio Yáñez: o propio escritor poderá estar presente.
Teatro • A conmemoración das Letras Galegas trae hoxe ao auditorio Baldomero Cores de Cee, coa compañía Silvardeiras de Allariz, a función Os vellos non deben de namorarse, unha das grandes obras da literatura galega: ás 21.00 horas, con entrada única de dous euros. Doutra banda, no auditorio de Baio botará a andar a IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose: The Sastre Teatro abre as citas coa comedia Deus non quere calderilla, prevista para as 21.00.
Divulgación • En Corcubión, con Queremos Galego, charlas para a promoción da lingua: 12.00, Casa da Cultura. Tomará parte na velada Marcos Maceira, presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística. No centro do debate, alternativas para reverter a emerxencia lingüística.
Peches de curso • Xuntanza en Malpica coa asociación Raigañas, que amosará todo o feito nestes meses nunha gala prevista para as 19.00 no centro cívico. Integra o ciclo Malpica nun mar de letras. En Vimianzo clausurará curso a Escola Municipal de Música: é a quenda da música tradicional, ás 17.00 no auditorio.
Aniversario • Un ben especial, os 60 anos da discoteca Pazos da Laracha. Apertura de portas ao público ás 22.30 horas, con música de todas as décadas transitadas da man dos DJ residentes.
Festas • Varias e intensas. En Cerceda siguen coas celebracións do Espírito Santo en A Silva-Rodís, hoxe con verbena a cargo de Impacto e a orquestra Los Satélites. Non lonxe, nas Encrobas, terán misa ás 13.00 pola Virxe da Peregrina, con sesión vermú e verbena a cargo de Tic Tac. Xa en Ponteceso, a comisión de festas de Tella ten organizado un gran xantar no Campo dos Seixos, música incluída xa dende as 13.30. Por unha pulpada, a segunda edición, apostaron en Vilela (Carballo): 14.00 horas, amenizada por Rocío Pérez.
Dianas e alboradas, misa ás 13.00, vermú e verbena co grupo Máster, así como o DJ Toni Garco, son as propostas de Cuns (Coristanco). Completísima será a xornada de arranque do Buen Suceso en Fisterra: charanga A Tripulasión ás 12.00, sétimo festival de danza na praza da Constitución ás 18.00, impulsado polo grupo Barlovento, percorrido vespertino das charangas O Son dos Michos e Santa Compaña, e verbena con Matices, discoteca Full e o concerto de Fátima Pego.
Arte e humor • Xornada completa no cámping Lago-Mar de Muxía, onde hoxe tocará arte e viño con Laura Tova (12.30 horas) e tamén a gran final do segundo concurso de monólogos: 21.00.
Escultura en Fisterra tributo á emigración
Hoxe • Ás 13.00 horas deste sábado, no porto de Fisterra e ao carón do monumento xa dedicado ao emigrante, o Concello de Fisterra promoverá un acto de homenaxe á emigración fisterrá. Inaugurarán escultura inspirada na icónica fotografía O home e o neno, de Manuel Ferrol. Están previstas as intervencións de Susana Rodríguez, edila; Luís Insua, alcalde, e Antonio Rodríguez, secretario xeral de Emigración.
III Xornada «A inclusión socioeducativa»: chegou o día en Carballo
Hoxe • Sábado importante en Carballo, onde o seu Fórum acollerá das 10.00 en adiante a terceira xornada formativa A inclusión socioeducativa, referente na formación en autismo. Promove a asociación Un Paso Mäis. Sensibilización, intercambio de saber, visibilidade e ferramentas prácticas: eses serán os eixos da velada, que incluirá varios relatorios en horario de mañá e obradoiros prácticos pola tarde. Pode participar quen así o desexe —consulta de inscrición, 5 euros—. A clausura está prevista para as 20.00.