Este 2026 é o ano das Letras para Begoña Caamaño, mais a Costa da Morte non esquece aos seus grandes
18 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que con Begoña Caamaño no horizonte, tamén houbo onte outros homenaxeados na Costa da Morte. En Muxía, como vén sendo tradicional cada 17 de maio e impulsado polo Concello, o tributo foi ao poeta do mar Gonzalo López Abente, merecedor das Letras Galegas no 1971. Diante do seu monumento houbo flores, mais tamén palabras, con Xan Fernández, e versos, co alcalde, Javier Sar, e coas concelleiras Sandra Vilela e Aurelia Picallo, así como a técnica de Cultura Miriam Carril, da que Vilela puxo en valor o seu traballo.
En Malpica, a memoria foi para as Pandereiteiras de Mens, homenaxeadas coas Letras no 2025 e con placa de seu no centro sociocultural, a iniciativa municipal. Tamén para elas houbo flores e pezas cantadas e tocadas, estas da man de Do Rivés, que o 23 lanzarán seu primeiro disco, Contrabando. A elas sumouse, voz e pandeireteira, a edila de Cultura, Noelia Freijeiro: «Esta homenaxe é un recoñecemento a todas as mulleres anónimas que xeración tras xeración preservaron a nosa cultura», afirmou. Mens, dixo, «é lugar de memoria, orgullo gratitude»: «As placas por si soas non falan, quen lle damos sentido somos nós». «Malpica ten fortuna de ser terra de cultura, tradición e memoria viva, temos a responsabilidade de conservar ese legado», engadiu Eduardo Parga, alcalde.