Pintura, música, baile, teatro, premios e ata unha andaina sosteron a festa este 17 de maio
CARBALLO
A actividade foi numerosa na Costa da Morte para conmemorar as Letras Galegas: aquí, algunhas das citas que deixou a xornada
19 may 2026 . Actualizado a las 11:16 h.«Foi unha xornada fantástica, cun ambiente marabilloso nun día de convivencia, aprendizaxe e goce conxunto», describe Carolina Pacoret, presidenta da asociación Lumieira. Tal cal ese é o espírito do 17 de maio, Día das Letras Galegas. A entidade promoveu onte na Praza de Carballo a 44.ª edición do concurso infantil de pintura e debuxo Luís Calvo Sanz, un clásico na capital de Bergantiños que concluíu cunha das afluencias máis altas dos últimos anos, preto de cen participantes nas categorías ordinarias e arredor de medio cento para o caso de 0-6 anos.
Mantiveron as bases, o sorteo de dúas bicis e os premios, mais estando como está Lumieira de 50.º aniversario, sumaron unha exposición de creacións gañadoras en anos anteriores, 44 anos debuxando as Letras en cores, e engadiron tres obradoiros arredor da figura de Begoña Caamaño. Esgotaron material. Valeria Taibo —primeiro premio— e Rosalía Blanco —segundo— venceron na categoría de primeiro e segundo de primaria, con accésit para Lara Alonso. Borja Barrera —primeiro— e Xoel Solleiro —segundo— trunfaron en terceiro e cuarto de primaria, con accésit para Ana Paula Rivas. Xoel Varela e Leo Salgado foron os galardoados en quinto e sexto, con accésit para Abraham Cañizadas. En primeiro e segundo de ESO, quedaron á cabeza onte Gabriela Barrera e Samara de la Silva.
As entregas de premios e concursos foron asemade protagonistas do 17 en Camariñas e Coristanco, onde puxeron en valor a creatividade, esforzo e talento dos pequenos e mozos.
Absoluta exhibición de talento, doutro lado, foi o concerto da Banda de Música de Cee, xa na véspera das Letras, o sábado. Dirixida por Fernando Fraga, quedarán para a historia a interpretación do Concerto para frauta de Cécile Chaminade, e os momentos vividos coas colaboracións especiais: Coral Costa da Morte, coros infantís da Escola de Música e do Manuela Rial, Estela Blanco, Gemma Román, As Cabaleiras do Camiño, Andrea Rey, Tomás Lagoa, Néstor Fidalgo e Enol Hernández.
Pecharon co Himno, ao igual que en Cabana, onde o festexo foi con música, recitais e teatro da man do Concello, tecido asociativo e veciños. Unha festa colectiva, algo que tamén liderou Xabier Díaz no seu concerto de onte á tarde na Casa da Cultura de Vimianzo. Xabier Díaz e Adufeiras tiveron un bo número de colaboracións no escenario: Trubisquiña, Irma Macías, Icía Varela, Haruna Chatani ou a pandereiteira Carmen de Berdoias. Orgullo, legado e futuro, tamén festexados na Laracha cun espectáculo de música e baile tradición no que tomaron parte agrupacións das asociacións Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco.
En Dumbría, percorrido polo Albarellos
Non poucos se ergueron cedo onte en Dumbría para tomar parte na iniciativa municipal que fixo ben singular o Día das Letras, unha andaina pola parroquia de Berdeogas seguindo o curso do río Albarellos. Na biblioteca do Conco seguirá hoxe a actividade, cun taller de gravado arredor de Begoña Caamaño (18.30).