La Voz de Galicia entregou en Calvo, Carballo, os premios do seu IX Certame Contos de Primavera. Felices Letras Galegas!
16 may 2026 . Actualizado a las 23:30 h.Todas as persoas que este sábado a mediodía pasaron pola sede de Nauterra-Calvo, en Carballo, portan agora un segredo, o lugar exacto onde ocorrerá algo especial, un espertar pétreo, o día do eclipse total, o 12 de agosto. O nome dese lugar é Carmacedum, e tróuxoo a xeito de conto Xosé Luís Vilela, director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, á entrega de premios do noveno certame literario Contos de Primavera. Á cabeza do podio, Sabela Nogueira Imia, alumna do IES Maximino Romero de Lema de Baio, co relato A mina de Valarés. Creatividade, lectura e talento déronse cita neste encontro que pechou unha nova edición do concurso promovido por La Voz e Radio Voz, co patrocinio de Nauterra.
Foron os parabéns para os premiados, mais tamén para todos os participantes, para mestres e familias. «Detrás de cada un dos relatos hai imaxinación, esforzo, ilusión e a valentía de sentarse ante unha folla en branco para verter nela pensamentos, emocións e experiencias capaces de emocionar», afirmou Ana Facal, directora do instituto baiés. Tivo para Sabela e o seu «merecido recoñecemento» especial mención: «O teu éxito é unha inspiración». Percibiu Daniel Pérez, alcalde de Carballo, «unha mocidade esperta, activa, con moito que dicir e talento literario desbordante».
«Estades a mirar o voso territorio cos ollos da imaxinación, estades a facer patrimonio. O convite a observar o que vos rodea devolvéchelo convertido en maxia», festexou dirixíndose aos rapaces: «Demostrastes que o galego é unha lingua útil, viva e fermosa, e ese é o mellor agasallo que lle podemos facer á lingua, usala para crear e soñar», convidou ás portas do 17 de maio. Foi toda unha celebración avanzada das Letras.
«Cando a realidade pesa, a literatura lévanos a outros puntos... fainos máis felices»
Ademais de agasallos e diplomas, marcharon os rapaces cargados de grazas: «Por escribir, escribir moito e ben, por facernos máis felices (...) Defendede o acceso á cultura», dixo Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e coñecedor doutros tempos nos que «ler aínda era un luxo»: «Cando a realidade pesa, a literatura lévanos a outros puntos (...)». Tal cal a música, da man da Orquestra de Corda do Conservatorio carballés e co debut como solista á frauta de Ada Quintela.
A Costa da Morte «é terra pensada para o talento, para contar historias, para narrar e escribir», describiu Severino Álvarez, director territorial de Cultura da Xunta. Fixo el ben fincapé no papel dos mestres e docentes e convidou á reflexión: «Que puido pasar neste recuncho [Galicia] para que xa alá polo século IX se falase un idioma distinto? Para ter máis de 40.000 núcleos de poboación? Máis dun millón de microtopónimos?». Deu coa clave José Martínez Calvo, conselleiro de Nauterra, logo de recitar versos de Manuel María: «O exclusivo de Galicia somos nós, os galegos, e a nosa fala».
Primeiro premio. Sabela Nogueira Imia, do IES de Baio, gañou este certame 2026. Na imaxe, recibe o seu premio de Xosé Luís Vilela, director da Fundación Santiago Rey. Esta novena edición do concuso bateu todo récord, con 105 relatos, o dobre que anos anteriores e chegados de oito centros de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais de Cerceda. «A mina de Valarés», de Sabela, foi lido por ela mesma ante o público.
Os galardoados. Na imaxe, nove dos dez premiados. Por esta orde, Sabela Nogueira, Andrea Jiménez Louzán, Samuel Gallardo Carreira, Gaizka Lago Elorza, Mario Álvarez Edreira, Alba Varela Pose, José Canosa Rodríguez, Kira Castro Trillo, María Paadín e Fernando Tasende Rey. Non puido acudir Kira. Chegan dende o IES de Baio, o Terra de Soneira (Vimianzo), EFA Fonteboa (Coristanco), CPR Manuela Rial Mouzo (Cee) e CPI Xosé Pichel (Coristanco).
O xurado. Con Xosé Luís Vilela Conde, na imaxe tres dos integrantes do xurado: Chus Barbeira, Xosé María Varela e José Antonio Viña. Tamén integraron este equipo Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz de Galicia en Carballo, e a xornalista Patricia Blanco.
A Orquestra de Corda do Conservatorio de Música de Carballo, dirixida por Emma Urango, ofreceu un repertorio variado, con dúas pezas máis das previstas: «O son do ar» e o «Himno galego» para pechar.