A Fundación Pondal recoñecerá hoxe, no «Dezasete», a cinco novos Bos e Xenerosos
CARBALLO
A celebración no Couto, Ponteceso, botará a andar este domingo ás 11.00 horas. Os galardóns chegarán a iso das 12.40
17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O título de Bos e Xenerosos que outorga a Fundación Eduardo Pondal, con sede no Couto (Ponteceso), faise maior de idade. Hoxe, 17 de maio, estes galardóns acadarán as 18 edicións, pois véñense entregando dende o 2009. Amancio Prada, Mabel Rivera, Coro Cántigas da Terra, Alexandre Nerium e María José Alonso son os nomes feitos públicos días atrás, nomes que serán recoñecidos pola súa traxectoria, mais sobre todo pola súa achega á lingua, cultura e sociedades galega. Será o acto central da celebración de hoxe no Couto, un encontro e festexo que leva por título O Dezasete.
A xornada das Letras Galegas botará a andar neste territorio pondaliano ás 11.00 horas. Será cun pasarrúas a cargo da Escola de Música Tradicional de Outes, para logo dar paso, ás 12.00 horas, a unha misa en galego cantada por Icía Varela e Xaquín Rama. A continuación, ofrenda floral e interpretación do Himno galego a cargo da coral A Oliveira.
Trasladaranse logo os actos á sede da Fundación pondaliana, na antiga reitoral de San Tirso de Cospindo. Será alí onde se faga entrega destes Premios Bos e Xenerosos que toman nome precisamente dun verso do himno escrito por Pondal e que no seu día abriron Xosé Neira Vilas, Anisia Miranda e Isaac Díaz Pardo. O cantautor Amancio Prada, a actriz Mabel Rivera, o Coro Cántigas da Terra, o poeta e guía Alexandre Nerium e a investigadora María José Alonso foron desta volta os elixidos. Eles tomarán o relevo dos homenaxeados no 2025: Agrupación Folclórika Aturuxo, Leilía, Milladoiro e Antón Santamarina, unha edición moi ligada ás Letras Galegas dese ano, dedicadas ás cantareiras e con fondo peso da Costa da Morte.
Aí vén o maio
O Dezasete no Couto era para Neira Vilas a «meirande celebración das Letras Galegas en Galicia». Ese espírito está nas Festiletras, que chegarán alá no verán, e inspira toda unha programación ao longo deste mes, baixo o lema Aí vén o maio. Mañá mesmo, luns, terá lugar un Roteiro Pondaliano no que tomarán parte un cento de alumnas e alumnos do instituto Monte das Moas da Coruña. Seguirán un percorrido que guiará Suso Lista, achegándose así á figura e ao legado de Eduardo Pondal a través do territorio. Máis adiante virán un Encontro Interxeracional (día 20) e unha Xincana do Patrimonio (día 23).