É 17 de maio e dende Cerceda ata Fisterra haberá opcións para festexar a lingua e a cultura propias
17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Chegou o día, o Día das Letras Galegas, 17 de maio. A Costa da Morte enteira érguese en festa para festexar literatura e idioma. Ademais da celebración do Dexasete no Couto —ver páxina 7—, todas estas citas:
Carballo • Completísima mañá na Praza do Concello de Carballo, e citas tamén pola tarde. No caso da Praza, a partir das 11.00 horas terá lugar a 44.ª edición do concurso infantil de debuxo e pintura promovido un ano máis pola asociación cultural Lumieira, co apoio do Concello e a Fundación Luís Calvo. Premio dun lote de libros por categoría e dúas bicicletas. En caso de choiva trasladaríase ao mercado e pode participar toda a rapazada dende primeiro de primaria a segundo de ESO. Ás 13.00 ofrecerá un concerto a Banda Municipal de Gaitas. Xa pola tarde, ás 18.00 no local social de Cances e promovida pola asociación cultural San Campio, terá lugar a presentación do libro Begoña Caamaño, obra ilustrada da que son coautores Xosé Manuel Varela, Icía Varela e Nerea Gómez. Poden saber máis dela na páxina 12 desta edición. Con Xosé Manuel, Icía e Nerea estará Maica Ures, edila de Igualdade.
Muxía • Neste tributo a Begoña Caamaño no que é o seu ano de Letras, tamén haberá lembranza en Muxía para o seu poeta do mar, Gonzalo López Abente. Será ante o seu monumento, ás 12.00.
Ademais, o cámping Lago-Mar achega outras dúas citas a esta conmemoración do 17 de maio. Unha será ás 10.00, ioga e brunch con Lila Búa, e outra ás 13.00, un recital poético feito a medida para estas Letras Galegas.
Camariñas • Día grande na vila do encaixe. Ás 12.00 horas, na Casa de Pedra, entrega de premios do certame literario convocado polas Letras. Presenta Demi Marcote, ameniza o mago Richard co espectáculo Todo está nos libros e sumarase unha degustación de filloas de Caramuxa.
Malpica • Domingo de ofrenda floral tamén na vila malpicá. Neste caso a lembranza vai para as Pandeireteiras de Mens, homenaxeadas no 2025 coas Letras Galegas xunto con Eva Castiñeira (Muxía) e Rosa e Adolfina Casás Rama (A Vila da Igrexa, Cerceda). As de Mens teñen placa no centro sociocultural da súa parroquia, e será alí onde o Concello promoverá esta homenaxe hoxe, ás 12.00, dentro do seu programa Malpica nun mar de letras.
Fisterra • Na fin do mundo, mediodía de foliada. Será no porto, das 13.00 horas en adiante e a cargo da asociación Trubisquiña (Vimianzo).
Dumbría • Unha proposta singular. Trátase dunha andaina de 15 quilómetros, percorrido circular, para coñecer parte do patrimonio natural e cultural de Berdeogas. O itinerario cruzará esta parroquia, con saída da praza ás 09.30 horas, seguindo o curso do río Albarellos. É preciso terse anotado.
A Laracha • Tamén nesta localidade, cita coa música e o baile tradicional. Agrupacións das asociacións Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco nutrirán un espectáculo de raíz previsto a partir das 18.00 horas na praza Les Sables d’Olonne.
Corcubión • Triple cita no Campo do Rollo, agardando que o tempo acompañe. A primeira, ás 17.00 horas, pasará pola actuación da Universidade Popular. A segunda, ás 18.00, será o espectáculo de maxia As nosas Letras, co mago Teto. A terceira, xa ás 19.00, unha entrega de premios: As Letras de Quenxe.
Cabana • Música, lecturas e teatro coa participación de diversos colectivos sociais e veciñais, ás 11.00 horas no auditorio municipal. Coral de Cesullas, Cantareiras de Anos, Son de Cabana, Coral San Martín de Cánduas e Barreiro&Mato estarán no apartado musical. Recitará Matilde Vilariño e tamén lerán Íntegro, AECC ou Cáritas. Coa Escola de Teatro chegará a función O rei que non sabía reciclar.
Laxe • Conto e concerto. De todo iso terá o espectáculo que hoxe traerá o artista Xoán Curiel ata a Praza Ramón Juega de Laxe. Será ás 19.00. Unha posta en valor da lingua e cultura, convida o Concello a acudir e encontrarse.
Coristanco • «Unha programación pensada para emocionar, aprender e gozar en familia»: así é como presenta o Concello de Coristanco a cita que teñen prevista para hoxe ás 12.00 horas. En primeiro lugar, a entrega de premios do XI Certame Artístico Literario Asunción Antelo. A continuación, o contacontos As letras que voan con nome de muller, de Trémola Teatro.
Zas • Citas en Fornelos e en Baio este 17 de maio. En Fornelos, a asociación de veciños A Fonte programou para as 17.30 horas a inauguración da área recreativa do Reirís. Novo cruceiro, merenda de campo e tamén espectáculo cultural da man do Concello e da Deputación, que achegará para a ocasión Dous no Camiño, con Isabel Risco e Fran Rei. As lendas xacobeas, contadas coma nunca, ás 18.00.
No auditorio de Baio, por outra banda, está prevista para as 20.00 horas a representación da obra de teatro Sol Fuerza, coa compañía aAntena. Con esta función dá inicio a agrupación a un novo proxecto cultural e social que leva por título Carriza. Sol fuerza, escrita por Bernardino Martínez e dirixida por Xosé Leís, conta coa interpretación de Lucía Veiga, Manu Fernández e Virxina Bermúdez. Reflexiona sobre a transición enerxética, o despoboamento ou o falso progreso. Todo, a través do humor e a investigación.
Cerceda • Peter Punk Pallaso chegará hoxe ao auditorio municipal de Cerceda co seu espectáculo Con lingua propia. Unha cita familiar, prevista para as 12.30. Acceso libre.
Xabier Díaz esgotou entradas para Vimianzo
Logo do festexo das Letras Galegas onte en Pasarela, a celebración do 17 de maio en Vimianzo trasládase á Casa da Cultura. Será alí onde esta tarde, ás 19.30 horas, ofreza un concerto Xabier Díaz. Comunicaba o Concello días atrás que as entradas estaban xa esgotadas. Díaz repasará algúns temas do seu último traballo, Axudádeme a sentir, mais tamén ofrecerá avances nesta terra que sempre destacou por inspiración, conservación e dinamización da tradición. Segue Xabier a darlle tributo ás cantareiras.
Pasarela, un nome con peso arredor do 17
A localidade de Pasarela xa ten un lugar de seu no municipio de Vimianzo para a celebración das Letras Galegas. Así volveu ser onte da man da Asociación de Veciños, Asvepa, que xa ben xornadas atrás presentaban «encantados» un cartel pleno de actuacións e de talento local. Música, baile, letras e teatro para render tributo dende o activismo, a veciñanza e o encontro a Begoña Caamaño e á identidade propia. Imaxes antigas e petiscos completaron a velada, á que tamén se sumaron autoridades municipais. Unha tarde de orgullo interxeracional.
Cabana abriu «O caixón das lembranzas»
O Centro de Interpretación do dolmen de Dombate acolleu onte a presentación da obra O caixón das lembranzas, da autoría de Luís Antonio Giadás. Editada polo Concello de Cabana en colaboración coa Xunta, revisita memoria colectiva do municipio a través de imaxes, historias, anécdotas e un percorrido pola vida cotiá e os traballos ou personaxes doutrora. O mesmo con testemuñas orais. É identidade.
Letras con pegada de muller en Carballo
C. viu
O 16 de maio en Carballo deixou Pegada de muller. Maruxa Suárez, concelleira de Cultura, foi onte a primeira en ler. Escolleu, como é natural, o arranque de Morgana en Esmelle, unha das novelas de Begoña Caamaño, a homenaxeada este ano coas Letras Galegas. Despois dela foi o creador Mon Lendoiro, que antes explicara como enfrontou a construción da imaxe que acompaña os actos organizados polo Concello de Carballo polas Letras Galegas. O de onte, á unha na rúa Coruña, foi a presentación do deseño realizado polo artista carballés: «Entendín que esta ilustración non trataba só de representar un rostro. Trataba de intentar representar unha actitude diante da vida. A dunha muller que escribía, pensaba e loitaba para que outras mulleres tivesen voz». Despois deles dous viñeron persoas anónimas que escolleron entre os textos prestados polas bibliotecas municipais, todos eles de autoras homenaxeadas anteriormente como Luísa Villalta ou María Mariño e, por suposto, Rosalía de Castro. Todos aqueles que quixeron estar na lectura comunitaria, nenos incluídos, recibiron como agasallo unha bolsa de tela e un caderno coa imaxe de Begoña Caamaño, que presidiu o acto dende unha lona pendurada das escolas Agra de Caldas.