Unha inmensa festa cultural toma corpo na Costa da Morte na véspera das Letras
CARBALLO
Son numerosas as citas ligadas á conmemoración do 17 de maio, dende Carballo ata Fisterra, pero tamén hai outras propostas
16 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Sábado 16 de maio e numerosa actividade arredor das Letras Galegas para esta xornada na Costa da Morte. Entre as paradas máis destacadas, todas estas:
Carballo • A sede de Calvo-Nauterra acolle ás 12.00 horas a entrega de premios do noveno certame Contos de Primavera de La Voz de Galicia: talento literario e tamén musical da man do Conservatorio. Xa no referido ao programa municipal, e logo do xogo de escapismo O reloxo do tempo, onte mesmo, hoxe será a quenda da actividade Pegada de muller. Na rúa Coruña, ás 13.00 horas, presentarase a imaxe de Begoña Caamaño creada polo artista carballés Mon Lendoiro. Haberá lectura pública de obras literarias de mulleres galegas e non faltará música: virá con Marta Méndez, de Cances.
Muxía • Dobre parada este 16 de maio. Ás 12.00, gran xogo das Letras Galegas no Cabo da Vila (ou no Salón do Voluntariado, se chove). Ás 20.00, concerto do dúo Abril coa presentación do seu recente disco, Medrar, tamén no Cabo da Vila ou no Salón, de chover.
Fisterra • Ás 12.30 na Praza da Constitución, concerto de Cristian Leggiero e Patty Lesta, con peso da música tradicional. «Un encontro coa emoción das nosas raíces a través da música galega, das melodías que contan historias e das letras que gardan a alma do noso pobo», convida o Concello.
A Laracha • Esta tarde o protagonismo será do público infantil e familiar. Ás 18.00, na praza Les Sables d’Olonne, espectáculo musical a cargo da banda Mamá Cabra. Son xa máis de 25 anos de música e letras en lingua galega.
Malpica • Avanza o programa Malpica nun mar de letras e tamén o ciclo Malladas, impulsado pola entidade Mallas de Area. Ás 20.30, no Fogar do Pensionista da Casa do Pescador, presentación do libro Begoña Caamaño, obra ilustrada de Xosé Manuel e Icía Varela e Nerea Gómez.
Cee • O concerto das Letras por parte da Banda de Música de Cee xa é tradición: 21.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Sesión con chiscadela á música galega e colaboracións ben especiais. Para mostra, Fantasía sobre tres temas galegos, de Simón Couceiro; Fisterra e Pandeirada de Nebra, coa coral Costa da Morte ou o debut coa banda, como solista, de Estela Blanco. Haberá máis sorpresas nesta cita na que tamén se lembrará a Begoña Caamaño.
Por outra banda, e en horario de mañá, ás 12.00 horas, o escritor fisterrán Modesto Fraga dará inicio á xeira de presentacións do seu libro Do amor salgado, recentemente reeditado por Aira Editorial e Fundación Ínsua dos Poetas. Canda el, neste acto que terá lugar na Libraría Ler, estará Juanma Aballeira, autor das imaxes.
Vimianzo • A grande festa das Letras está hoxe en Pasarela, a partir das 16.30. Actuarán Airiños do Río Grande, Abrindo Rejo, Irma Macías e Luís Pinto, Teté Teatro, Mortos de Risa (monólogos), O club das letras (teatro), Pasarela Big Band e Suso Andrea. Promove a Asociación de Veciños de Pasarela, con pinchos como de costume, taller para nenos e exposición de fotos antigas.
Cabana • No Centro Arqueolóxico do dolmen de Dombate, ás 12.00, presentación do libro O caixón das lembranzas, da autoría de Luís Antonio Giadás. Edita o Concello de Cabana, coa colaboración da Xunta. «A obra é unha recompilación de fotografías, historias e anécdotas coas que poderemos trasladarnos a unha época pasada, pero non tan distante, que marcou o noso saber», convidan.
Zas • Nas Torres do Allo, ás 16.00, obradoiro de creación de marcapáxinas para pequenos de 5 a 10 anos. Tamén visitas guiadas ás 13.00 e 17.00.
Corcubión • Cita co teatro do colexio Praia de Quenxe, ás 19.00 na Casa da Cultura.
Laxe • A Xanela do Maxín levará esta tarde ao salón de actos A gran viaxe das Letras Galegas até Begoña Caamaño. Ás 19.00, para público familiar. Por outra banda, ás 19.30 na libraría Risón, o escritor Rober Cagiao presentará a súa máis recente obra, o libro Cadea de favores. Con el estará a libreira Eva Cameán.
Traballos dos cursos municipais, na Laracha
Dende onte e ata o martes está aberta no baixo da biblioteca da Laracha a exposición dos traballos elaborados polo alumnado das actividades municipais ao longo deste curso. Poderá visitarse de 17.00 a 21.00, e para a semana será a quenda de Paiosaco e Caión. Son pezas de manualidades e pintura ao óleo, debuxo, restauración e tapizaría, macramé, labores de tecido, encaixe de bolillos ou cerámica. Inclúese no programa das Letras.
Homenaxes aos maiores en Laxe e na Laracha
O Concello da Laracha promove arredor das Letras, hoxe, unha nova edición da súa Festa-Homenaxe aos nosos maiores. Serán uns 670 comensais, con apertura de portas no pavillón ás 13.15, misa ás 13.30 e despois xantar. Amenizará a tarde o trío Tapioka e tamén haberá exhibición do alumnado de Baile en Liña. No caso de Laxe, a II Xuntanza dos Maiores comezará ás 14.00 no pavillón: amenizará O Tren da Unha.
Fin do Curruncho en Carballo e Revivals en Muxía
O ciclo Curruncho Pop botará hoxe o peche na biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Será ás 19.30, con entrada de balde, un percorrido pola historia da música galega con homenaxe a Bibiano. Como base, o libro Bibiano, cambiar para ser un mesmo, de Carlos Rego, e a música en directo de Alfonso Espiño e Xoán Piñón. Por outra banda, no cámping Lago-Mar de Muxía a cita será con Revivals, grandes éxitos: 20.30 horas.
Memoria de Noicela e Rebordelos e cita co Asalto vimiancés
Outras dúas citas a ter en conta hoxe están no centro social de A Imende (Carballo) e na sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo. No primeiro caso, a partir das 11.00, chegará alí o proxecto Carballo na Memoria, para recuperar fotografías antigas da contorna. Quen teña pode achegarse. No segundo caso, ás 19.45, tratarán de sumar forza para a representación teatral do Asalto ao Castelo: achéguese se quere colaborar.
Citas en Brens, A Rabadeira, Vilaño...
Brens (Cee) • Charla de iniciación á ornitoloxía con Manuel Carande. Ás 19.00, na biblioteca. Promove a SDC Brens.
A Laracha • Hai visita guiada ás 11.00 ao castro de Montesclaros, con inscrición previa no 676 963 062. Doutra banda, en Vilaño avanza o proxecto Aldea Cultural, cun taller de astronomía para familias: 17.00, coa agrupación Ío, gratuíto.
A Rabadeira (Coristanco) • Fin das festas, hoxe vermú e verbena a cargo de Pontevedra. Máis alá diso, volve a regueifa ao palco: 22.00, con Yessica Nantón e Antonio de Xornes.
E ademais • Son festas de San Isidro en Quintáns (Muxía), Corcoesto e Cundíns (Cabana). Teñen xantar en Mira (Coristanco).