«Levoume tempo atopar a miña voz, sentir e verbalizar»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Silvia Tasende, docente, xornalista e escritora
Silvia Tasende, docente, xornalista e escritora Ana García

Silvia Tasende publicou nova obra, o poemario «Pel Memoria». Preséntao esta tarde no Casino de Carballo

15 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A xornalista e docente Silvia Tasende Cotelo, carballesa, ten nova obra publicada. Logo da novela O espírito das maceiras chega o poemario Pel Memoria, que hoxe mesmo presentará no Casino 1889, ás 20.00 horas, un lugar e un encontro que engade «dose de emoción» para ela. Xa o fixo na Coruña e en Santiago e en breve pasará por Cecebre (23 de maio), Coristanco (29) ou Malpica (6 de xuño). Máis adiante no tempo, citas como a Praza dos Libros. Falou onte Silvia en Radio Voz dende Vilanova, lugar de traballo, afondando por certo no estilo comunicativo e accesible dos versos. A imaxe de portada do libro é obra do seu irmán, o artista Pedro Tasende, e a corrección, que agradece e pon en valor, de Basi Pacoret.

—«Pel Memoria», finalista do XII Certame López Ardeiro.

—Efectivamente, e sempre é un recoñecemento, un impulso, unha ledicia. Motivo de orgullo, por máis que os premios tamén teñen moito de lotaría. Hai moita xente con talento!

—Como tema eixo, o desexo.

—Si, algo que sempre estivo moi vedado ás mulleres, no sentido amplo. Vedado ás miñas antecesoras, pero tamén ás mulleres da miña xeración, a X. Esa relixión que nos dicía se eramos correctas ou non, esa ollada patriarcal xulgando... Esa situación semella que se reverte, pero aínda hai moito por atrás. E ese é o punto de partida dende o que presento un eu poético. Levoume tempo, con todos esas mensaxes sociais ao redor, atopar a miña voz, a miña presenza no mundo, sentir, sentir libremente e sobre todo verbalizar. Pel Memoria, o título, alude a unha memoria construída polas sensacións, polo sentidos. Presenta neste senso unha voz entusiasta [é unha edición bilingüe, en galego e castelán].

—Hai neste intimismo un fío de conexión coa novela anterior?

—A poesía sempre se vinculou a vivencias persoais, mais un cando a escribe ten que marcar certa distancia, do contrario fagocita. Nútrome de vivencias, claro, pero tamén hai poemas das mulleres en xeral, a partir dun eu.

—Volve publicar en Medulia e chega esta segunda obra axiña logo da primeira. Tardou, pero...

—Agora van ter que amarrarme [ri]. Escribo dende que son pequena, pero non todo pasa o meu criterio. Chegou un momento de madurez, sei o que quero, o que me gusta, seino xestionar. Era importante que todo iso saíse nun momento emocional e persoal de madurez, por máis que escribir forma parte da miña esencia, do motivo polo que estudei xornalismo, son muller de letras. E a Medulia xa a sinto como casa propia.

—É a poesía irmá pobre?

—Ségueo sendo nos libros de texto, nos manuais e incluso nas aulas. Pero dá moito xogo, temos que lela, traballala. Con todo, hai grandes lectores, tamén alumnado, con competencias lectoras marabillosas.