Boa parte das citas xiran arredor da conmemoración do 17 de maio: así vén a xornada este venres 15
15 may 2026 . Actualizado a las 10:39 h.Hoxe • Venres 15 de maio e unha axenda capitalizada case na súa totalidade polas Letras Galegas, mais non só. Así de animada vén hoxe a xornada na Costa da Morte:
A Laracha • Leti da Taberna deixou o pasado venres un cheo absoluto na apertura do 12.º Festival de Humor da Laracha, de iniciativa municipal. Hoxe será a quenda de Marcos Pereiro, ás 22.00 na Casa da Cultura. Chega con novo espectáculo, Os marcos, reflexión dende o humor sobre as súas propias viencias e cambios, aqueles que o levaron a ser quen é. Queda aínda algunha entrada (10 euros): pode conseguilas hoxe pola mañá na Casa da Cultura, ou ben dende as 21.00, se quedan. Tamén na Laracha haberá hoxe Letras Galegas: taller de fundas e caderno de lectura con O Faiado de Nin, ás 18.00 horas na biblioteca municipal. Con inscrición!
Carballo • Varias citas. Unha ao redor das Letras, e novidade: trátase de O reloxo do tempo, un xogo de fuga previsto para as 11.30 na Praza que implicará a alumnado do IES Alfredo Brañas. Sumará teatro, material visual e enigmas para promover o uso da lingua e o coñecemento de figuras literarias galegas. Por outra banda, Silvia Tasende presenta no Casino o seu poemario Pel Memoria (20.00 horas).
Malpica • Avanza o programa Malpica nun Mar de Letras. Crianzas do CEIP Milladoiro e do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño achegaranse ás 10.15 horas ao centro cívico para gozar de Chaves invisibles, con Vero Rilo e Luís Iglesias. Agasallaranse exemplares do libro Bego e o mundo ao revés.
Muxía • No programa das Letras de Muxía Cultural —suma de Concello e cooperativa Horta Creativa— inclúese para hoxe un concerto da coral Virxe da Barca. Ás 20.00 horas, no Salón do Voluntariado. Por outra banda, ás 21.00 no cámping Lago-Mar, serán as segundas semifinais do segundo concurso de monólogos.
Cee • Mañá especial no auditorio Baldomero Cores. Ás 11.30, Trémola Teatro ofrecerá As letras que voan con nome de muller. Entre esas voces, a de Begoña Caamaño. Rematada a sesión, entregaranse os premios do 35.º Concurso de Achegamento ao Libro e do 22.º concurso Na procura do noso marcapáxinas. Rematará a velada cunha homenaxe a José Ramón Rey, Mon, eterno bibliotecario e promotor dos galardóns.
Corcubión • Aspadex e Concello promoven un obradoiro de encadernación artesanal neste mes das Letras. Será na biblioteca, de 16.30 a 18.00. Consulte as prazas! Con esta cita, e con outras dúas tamén hoxe, bota a andar na vila o programa das Letras. Os pequenos do Praia de Quenxe terán ás 11.00 a Alba Grande con Unha xograría da aldea, mentres que ás 20.00 se proxectará na Casa da Cultura A rebelión da lectura. Será ben intenso o almanaque.
Zas • Pola banda do IES Maximino Romero de Lema de Baio, rematará a 20.ª Semana Cultural con visita ás Torres do Allo e ao Museo Melga, así como saber da man de Visibles, Iria Ferrín e Club Vía Láctea. Sumará o Concello como peche da velada a actuación musical de Meninos do Pandeiro (12.45).
Vimianzo • Na biblioteca da Casa da Cultura, de 17.00 a 19.00 e para nenos de 3 a 12 anos, obradoiro Palabras máxicas de Begoña Caamaño.
Cabana • Ás 12.30, no auditorio municipal, tamén Chaves invisibles, con Vero Rilo e Luís Iglesias. Para escolares.