Baio fai carreira na divulgación científica escolar 

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O polideportivo da localidade acolleu o primeiro Día da Ciencia na Rúa, promovido polo IES Maximino Romero de Lema 

15 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os efectos da luz, como unhas patacas poden acender unha calculadora, a extracción dun elemento da auga sen botar gota por fóra, plantas invasoras, ilusións sensitivas e cognitivas... O abano de saber foi onte amplo no pavillón polideportivo de Baio, onde o instituto Maximino Romero de Lema promoveu o I Día da Ciencia na Rúa. Na coordinación, un baiés ben querido e este ano por vez primeira docente neste centro, Pablo Mira Pérez: «Os rapaces quedaron contentos, que iso é o importante, e nós tamén», explicaba xa rematada esta actividade divulgativa e educativa na que participaron outros sete centros da comarca: IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto), IES Terra de Soneira (Vimianzo), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), CPI As Revoltas (Cabana), CPI Cabo da Area (Laxe), CPI de San Vicente (A Baña) e CPI de Zas. Entre alumnado que expoñía e alumnado espectador, uns 550 rapaces reunidos arredor duns 50-60 experimentos.

ANA GARCÍA

«Bioloxía, tecnoloxía, matemáticas, física, un pouco de todo, todas as ramas do coñecemento», precisaba Mira, xa con experiencia na organización destes encontros, como se tivera visto no seu anterior destino, en Cee. «Agardamos que sexa a primeira de moitas edicións», apuntaba sobre este Día da Ciencia na Rúa baiés que o centro educativo incluíu na súa 20.ª Semana Cultural arredor das Letras Galegas, e que xustamente hoxe chegará á súa fin. Facer algo, e ser quen de contalo, non é todo o doado que semella, mais o estudantado que pasou polo pavillón tiña dotes para a ciencia. Na cita, cedendo espazo e algún mobiliario, colaborou tamén o Concello de Zas.