Especial Letras Galegas | Seguindo o legado que deixaron as Letras Galegas dos dous últimos anos, os concertos terán ampla presenza nas conmemoracións arredor do 17 de maio en diversas localidades da Costa da Morte
14 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Deixárono claro as Letras Galegas do 2024, con ese tributo a Luísa Villalta, e aínda máis as do 2025, homenaxe ás cantareiras: letras ou literatura e música son dúas caras dunha mesma moeda. Tamén con esta disciplina se espalla o idioma e así é que nas programacións en torno ao 17 de maio da Costa da Morte hai destacados concertos, nalgúns casos ligados a agrupacións locais —ver máis abaixo— e noutros a nomes que sobresaen no conxunto da comunidade e máis alá. É o caso de Xabier Díaz, de Cristian Leggiero e Patty Lesta, de Abril ou Mamá Cabra. A xornalista e escritora Begoña Caamaño, a homenaxeada este 2026, será ben festexada na comarca.
Na vila da Barca a música xa leva un tempo soando. Aínda se escoitan os ecos do tributo a Pazos de Merexo con Acordeireta e o seu neto Adrián Lago, mais toca facer oco para o concerto de Abril, este sábado 16 de maio (20.00 horas, Cabo da Vila ou no Salón do Voluntariado se chove). O dúo integrado por Claudia Abril e Marina Carpente chega cun disco que recende a pan fresco, acabado de saír do forno. É Medrar, o primeiro álbum de estudio xa dispoñible nas plataformas, unha viaxe a través da raíz, pero traída ao hoxe, tradición e contemporaneidade que xa dende o título fala de evolución, mais partindo de materiais que, por certo, tamén recolleron nalgún caso na comarca. Pandeireta, violín, electrónica... Tamén o sábado 16 de maio, e igualmente en fin de Camiño —Fisterra—, pero en horario de mañá (12.30 horas, Praza da Constitución), será a quenda dun dúo, Cristian Leggiero e Patty Lesta. Ao piano el, á voz ela, teñen unha longa traxectoria e un variadísimo repertorio, se ben para esta ocasión o Concello fisterrán anuncia unha aposta pola música tradicional. Calidade, elegancia e sentimento.
«Unha oportunidade única para celebrar as Letras Galegas dende a música, a memoria e o recoñecemento colectivo ás persoas que fixeron posible a pervivencia da nosa tradición»: así é como presentan dende o equipo de Xabier Díaz o concerto que el ofrecerá o propio domingo 17 de maio, ás 19.30 horas, no auditorio municipal de Vimianzo. Un xeito de dar continuidade á homenaxe ás cantareiras do ano pasado, e unha escolla de lugar que non é casual, pois Vimianzo e Soneira destacaron e destacan «polo seu papel inspirador na conservación e dinamización da cultura oral». Ata a Casa da Cultura levará Xabier pezas do seu último disco, Axudádeme a sentir, pero tamén avances do que virá.
Xa máis enfocado a un público infantil e familiar, velaí Mamá Cabra, unha banda ben coñecida na Costa da Morte que fará parada na Laracha o sábado 16 de abril: 18.00 horas, praza Les Sables d’Olonne. Ritmos que se pegan aos pés e galego nas letras con mensaxes ben didácticas, todo liderado pola voz de Gloria Mosquera, dende hai xa máis de 25 anos.
Grupos e asociacións achegan o seu talento
Téndose celebrado xa algunhas citas, aínda queda moita música e baile por diante arredor das Letras Galegas. Anote:
Carballo. Vai fóra a Ruada das Cereixas de Arume de Verdillo, mais aínda queda a actuación da carballesa —de Cances— Marta Méndez este sábado 16 de maio na rúa Coruña (13.00 horas) e tamén a da Banda Municipal de Gaitas o propio domingo 17 na Praza: 13.00 horas.
A Laracha. Logo do paso de Mamá Cabra pola vila o sábado 16, a xornada central das Letras Galegas resérvase nesta localidade bergantiñá para a música e o baile tradicional. O domingo 17 de maio, a partir das 18.00 horas na praza Les Sables d’Olonne, actuarán os grupos das asociacións culturais Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco.
Dumbría. A Casa da Cultura de Olveira acollerá o vindeiro domingo 31 de maio un dos actos centrais das Letras neste municipio. Será unha cita coa música tradicional, ás 17.00 horas, clausurando os cursos das escolas da Asociación A Fonte Santa e dos Gaiteiros de Buxantes.
Fisterra. Cristian Leggiero e Patty Lesta serán a primeira parada musical, o sábado 16 de maio, pero o domingo 17 tocará foliada no porto, dende as 13.00 horas, a cargo da asociación Trubisquiña. Música e relato oral combinaranse o martes 19 con As letras para Begoña, dende as 11.30 horas no salón de actos do Concello.
Vimianzo. Se Xabier Díaz actuará o domingo 17, xa na xornada de véspera haberá Letras Galegas, e nun lugar que ben ten gañado o peso da tradición: Pasarela. A cita está organizada por Asvepa (Asociación de Veciños de Pasarela) e conta co apoio do Concello. Das 16.30 en adiante actuarán o grupo de baile Airiños do Río Grande, o grupo de gaitas Abrindo Rejo, Irma Macías e Luís Pinto, Pasarela Big Band e Suso Andrea. Teté e O Club das Letras sumarán dramaturxia, e Mortos de Risa porá o humor. Fotografías antigas, un taller para nenos e pinchos completarán a velada de encontro.
Muxía. Antes do concerto de Abril o sábado 16, aínda se poderá gozar doutro mañá mesmo, venres 15: actuará a coral polifónica Virxe da Barca no Salón do Voluntariado, a partir das 20.00 horas.
Malpica. Xa fixo Malante a súa gala de fin de curso o domingo 10, e para hoxe, día 14, está previsto o festival do CEIP Milladoiro (11.00, centro cívico). Raigañas despedirá curso o sábado 23 ás 19.00 (centro cívico) e Carcaxía fará o propio o domingo 31 (12.30, centro cívico). Xuño traerá outras disciplinas, como danza ou teatro, mais non faltará tampouco o ritmo co Cuarteto de Biselas o sábado 6: Merendola desconcertante, ás 20.00 horas.
Unha andaina a carón do río Albarellos, cita singular en Dumbría
O camiño, tamén o da posta en valor do propio, e iso inclúe o idioma galego, faise ao andar. Dar pasos é o que propón precisamente o Concello de Dumbría para o domingo 17 de maio. Dentro do seu Maio das Letras e ligado ao programa #ExploraDumbría co que a través da actividade física dan a coñecer patrimonio natural e cultural, promoven unha andaina a carón do Río Albarellos. Serán 15 quilómetros de trazado circular, con saída e chegada á praza de Berdeogas, todo un percorrido por esta parroquia con puntos clave como o Chan das Lagoas ou a carballeira Devesa da Lúa. «Gozaremos de paraxes naturais e xoias arquitectónicas únicas», convida o consistorio. Para tomar parte na andaina, catalogada como de dificultade moderada, é precisa a inscrición previa vía formulario web.
A romaría de Santo Hadrián terá canción propia: presentación o 30
Centros educativos e asociacionismo local confiren un pouso ben especial ás Letras Galegas de Malpica, tecendo así conxuntamente co Concello unha celebración apegada ao territorio. Entre esas citas agardadas está a presentación da canción da Romaría de San Adrián. Será o sábado 30 de maio no salón de actos da Casa do Pescador, ás 20.30. Trátase dun traballo do malpicán Carlos Fidalgo ao que lle pon música Luís Ramas, e ambos estarán presentes neste encontro. Fidalgo presentou o proxecto no consistorio, e este brindou a súa colaboración, tal e como explica a edila de Cultura, Noelia Freijeiro. Será case un himno para engrandecer a romaría, «un plus» a maiores de cara á festa ou vídeos promocionais.
E tamén... obradoiros
Dumbría. Luns 18 de maio, taller infantil e xuvenil de gravado. Gravado con Begoña Caamaño. Na biblioteca do Conco, ás 18.30 horas. Outro xeito, o artístico, de achegarse á homenaxeada nestas Letras Galegas 2026.
A Laracha. Mañá, venres 15 de maio, ás 18.00 horas na biblioteca da capital municipal. Taller de fundas e caderno de lectura, con O Faiado de Nin. Inscrición obrigatoria, mediante código QR, en alaracha.gal ou na Casa da Cultura. Para pequenos de máis de 6 anos que estean empadroados.