Homenaxes arredor das Letras para lembrar e perpetuar nomes da Costa da Morte
CARBALLO
As pandeireteiras de Mens, Pazos de Merexo ou López Abente comparten protagonismo con Begoña Caamaño este 2026
14 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Na festa das Letras Galegas o principal é celebrar a lingua, mais o abano é amplo. Tamén se festexan honrando a devanceiros, e de xeitos variados. Por exemplo, este domingo 17 de maio ao mediodía, no centro sociocultural de Mens, en Malpica, haberá un acto en lembranza das pandeireteiras da parroquia, que foron (con outras) as grandes protagonistas no ano que, para este galardón, agora remata. Pero non acaba a súa lembranza, senón que pode dicirse que empeza, tal e como explica a concelleira Noelia Freijeiro. Alí, na beira da placa que as recorda, estarán familiares, veciños e autoridades.
En Muxía, as homenaxes chegan por partida dobre. Unha xa foi, a semana pasada, na memoria de Manuel Pazos Redonda, Pazos de Merexo, o acordeonista que neste 2026 cumpriría cen anos e que morreu hai sete anos. Destacaba a concelleira de Cultura, Sandra Vilela, o emotivo do acto, no que ela participou a canda o alcalde, Javier Sar; os escritores e investigadores Xosé Manuel Varela e Xan Fernández Carrera, e a filla do protagonista, María José. E Adrián, o neto, sucesor no instrumento do avó, ademais do dúo Acordeireta. Familiares, amigos, veciños... Todos xuntos fixeron posible un acto merecido para a memoria de quen levou o nome de Muxía por Galicia adiante coa súa música.
As Letras tamén son boas para ter presentes aos grandes escritores e escritoras locais. Sen saír de Muxía (e xusto no paseo da entrada á vila) está o monumento dedicado a Gonzalo López Abente, principal homenaxeado un 17 de maio de 1971. Non morreu aí o conto con el, porque por esta data é lembrado precisamente diante desa escultura, cunha ofrenda floral. Un acto sinxelo, di Vilela, que terá a presenza dalgún membro da Fundación López Abente, xa reactivada, coa lectura de algún texto. E, en todas partes, as homenaxes serán para Begoña Caamaño. Algunhas, como en Fisterra, máis específicas.