Contos, presentacións e lecturas outorgan ás Letras Galegas dimensión oral
CARBALLO
Especial Letras Galegas na Costa da Morte | Tan importante é escribilas, como verbalizalas. Os concellos da Costa da Morte aproveitan a efeméride para animar á lectura
14 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Malia seren propostas habituais nas programacións culturais infantís ao longo de todo o ano —a compañía de monicreques Trinke Trinke é de feito unha asidua á Costa da Morte—, é neste tempo de Letras Galegas cando os consistorios máis recorren aos contacontos para sementar nas cabeciñas dos máis pequenos o gusto pola lectura.
Non un, nin dous, senón tres espectáculos deste tipo programou o Concello de Camariñas para esta semana. Dous deles xa tiveron lugar na biblioteca municipal, mais o terceiro será hoxe mesmo, ás once e media da mañá, da man de Carmen Domech: Palabras con conto.
Pola súa banda, os rapaces de Dumbría terán ocasión de coñecer máis sobre a homenaxeada deste ano, Begoña Caamaño, coa ilustradora, narradora e animadora á lectura Marisa Irimia. Será na biblioteca do Ézaro, ás seis e media da tarde.
Entre tanto, a Xanela do Maxín levará a rapaces de A Laracha nunha emocionante viaxe pola historia das Letras Galegas, dende a súa institución, no 1963, ata a actualidade. Será na biblioteca de Paiosaco, para pícaros de máis de tres anos, ás seis.
E a Malpica —cuxa axenda do mes de maio xira en torno á literatura na súa práctica totalidade— chegará o vindeiro 22 de maio Pablo Sánchez, coñecido por Pablísimo no eido cultural. Na biblioteca pública municipal Eduardo Blanco Amor presentará o espectáculo Contacomic, no que ofrecerá a rapaces maiores de catro anos unha aproximación ao mundo do cómic a través dos contos. Será ás seis da tarde.
Presentación
Dos moitos volumes que se teñen publicado estes meses sobre a homenaxeada deste ano, un deles volve ter selo Costa da Morte da man de Icía e Xosé Manuel Varela, que sumaron forzas coa ilustradora Nerea Gómez para publicar o libro Begoña Caamaño (Embora). Presentarano en varias localidades da bisbarra, como Cances (Carballo): será o propio día 17 (18.00), por iniciativa da AC San Campio, e acompañaraos a concelleira Maica Ures.
Manuel Solla, en Camariñas
Finalmente non foi Ariadna Ligero a encargada de inaugurar a programación camariñá das Letras Galegas, senón Manuel Solla e o seu divertido espectáculo Contos animados, no que no non faltaron a música, a maxia ou divertidos monicreques cos que os rapaces puideron interactuar. Tanto esta como as outras tres actividades programadas polo Concello de Camariñas para esta semana das Letras forman parte do circuíto Rede Cultural, co que a Deputación da Coruña leva espectáculos de teatro, música, danza, monicreques, maxia, circo, narración oral ou cinema a infinidade de recunchos da provincia. Un xeito de facilitar unha programación cultural estable nos municipios coruñeses, pero tamén unha oportunidade para que creadores e creadoras dean a coñecer o seu traballo ao gran público.
O ciclo Malladas enche Malpica de historias: dúas citas por diante
Dende comezos deste mes de maio está en marcha en Malpica o ciclo Malladas, un conxunto de encontros literarios promovidos pola asociación Mallas de Area nas instalacións do Fogar do Pensionista.
Por alí pasaron xa Xurxo Souto, coa súa Novela do Bravú, así como Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández co volume A Costa da Morte. Naturalmente única, máis o ciclo apenas vén de alcanzar o seu ecuador e este sábado dará a benvida a Nerea Gómez, Icía Varela e Xosé Manuel Varela, autores dunha publicación sobre a autora homenaxeada este ano pola Real Academia Galega. O acto será ás oito e media da tarde, idéntico horario ao elixido para a derradeira presentación, neste caso con Carlos Taibo e o seu texto Un mundo que se nos vai. Razón para rebelarse como protagonistas: será o venres 29 de maio.
Entre tanto, e desta banda coa organización de Campal, Arturo Lezcano acompañarase de Marta Villar o vindeiro sábado 23 para falar de O país invisible: será ás sete da tarde, tamén no Fogar do Pensionista.
Carballo convida a unha lectura pública de obra de mulleres homenaxeadas coas Letras Galegas
Se ben as tres últimas edicións do Día das Letras Galegas levaron nome de muller, o certo é que nos primeiros sesenta anos de historia desta efeméride apenas houbo cinco homenaxeadas: Rosalía de Castro (1963, cando se instituíu este recoñecemento por parte da Real Academia Galega), Francisca Herrero (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018), Xela Arias (2021) e, xa máis recentemente, Luísa Villalta (2024), as cantareiras (2025) e Begoña Caamaño (2026).
Así, o Concello de Carballo propúxose este ano poñer en valor a pegada feminina nas letras e nas artes galegas, e con este obxectivo convoca á veciñanza a un acto de lectura pública de obras desas mulleres ás que se lle teñen dedicado as Letras. Será este mesmo sábado, a partir da unha da tarde na rúa Coruña, e poderán sumarse participantes de tódalas idades, que serán agasallados cunha bolsa conmemorativa. Como remate, talento musical local: Marta Méndez, de Cances, interpretará varias pezas.
Pola súa banda, en Fisterra pecharán a programación o vindeiro día 19 co relato oral Letras para Begoña, para centros educativos (salón de actos, 11.30).
Cando e onde
- Camariñas. Hoxe, contacontos Palabras con conto, de Carmen Domech.
- Carballo. O sábado, lectura de obras literarias de mulleres galegas, e o domingo, presentación do libro Begoña Caamaño, de Nerea Gómez e Icía e XM Varela.
- Dumbría. Hoxe, contacontos con Marisa Imia sobre a homenaxeada.
- Fisterra. O martes 19, contacontos ilustrado As letras para Begoña.
- A Laracha. Hoxe, contacontos a cargo de A Xanela do Maxín.
- Malpica. O sábado, presentación do libro Begoña Caamaño, o venres 22, contos con Pablísimo, e os días 23 e 29, presentacións no Fogar do Pensionista a cargo de Arturo Lezcano e Carlos Taibo.