Emma Urango: «A formación musical é fantástica a calquera idade»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Emma Urango, violonchelista e docente no Conservatorio de Carballo
Emma Urango, violonchelista e docente no Conservatorio de Carballo ANA GARCÍA

A Orquestra de Corda do Conservatorio de Carballo actuará o sábado na entrega dos premios Contos de Primavera

13 may 2026 . Actualizado a las 23:50 h.

Hai escasos días fíxose público que Sabela Nogueira, alumna do instituto de Baio, é a gañadora da novena edición do certame literario Contos de Primavera, que organizan La Voz de Galicia e Radio Voz co patrocinio de Nauterra.

Este sábado, precisamente nas instalacións da conserveira carballesa, terá lugar a entrega de premios, e nestes actos non só as letras ocupan un lugar destacado, senón tamén a música. Desta banda, será da man da Orquestra de Corda do Conservatorio de Carballo. Coa directora desta formación, Emma Urango, falou onte Fran Rodríguez no programa Voces de Bergantiños:

—Cantos músicos integran a Orquestra de Corda do CMUS?

—A orquestra ten un plantel de vinte músicos: catro ou cinco violíns primeiros, cinco ou seis segundos, dúas violas e seis violonchelos. Traballamos moitísimo ao longo do curso e colaboramos con distintas institucións, como os conservatorios de Ferrol ou Santiago. Ademais, esta semana temos os concertos didácticos no Pazo, que convido a todo mundo a achegarse ata alí.

—Este tipo de actuacións fóra das instalacións do Conservatorio tamén son para eles unha maneira de expandir a súa formación.

—A formación é importantísima, pero tamén é relevante que os alumnos teñan obxectivos e motivación, non só asistir á clase: que vexan reflectido o seu traballo na escena real, que é para o que se forman.

—Que pezas interpretarán este sábado na entrega dos premios Contos de Primavera?

—Tocaremos tres pezas que son moi diferentes entre si. En primeiro lugar, Spring Song, do compositor inglés Frank Bridge. É unha peza luminosa, moi suave, que ule a primavera e que evoca eses días que se van facendo máis longos ante a proximidade do verán.

Despois, tocaremos unha reinterpretación que o arreglista inglés Colin Matthews fixo da coñecida peza Eine kleine Nachtmusik, de Mozart. El reimaxinouna como se fose música de Bach e o resultado é enxeñoso e moi divertido, aos rapaces encántalles.

Por último, imos interpretar un minueto dun compositor moi coñecido que se chama Johann Valentin Rathgeber e que, curiosamente, foi coetáneo de Bach e tiveron moitas cousas en común. Esta peza é unha danza cortesana moi típica daquela época, pero moi fina e elegante.

—Como valora o feito de que Concello, comisións de festas e outras entidades conten co talento do Conservatorio para incorporar aos seus programas culturais e de festexos?

—Este ano abrimos a tempada de concertos polo día contra a violencia de xénero, en novembro, e pareceume un acto moi necesario: este tipo de accións, e de reivindicacións, véxoas como unha educacións transversal para eles.

—Vive en Galicia dende hai máis de 25 anos, pero leva catro vinculada ao CMUS carballés. Como está sendo a experiencia?

—Moi positiva. Cada ano medramos máis, o Concello apóianos moito e o equipo directivo é moi dinámico, favorecendo que atopemos puntos de encontro para sacar adiante as nosas ideas e proxectos. Agradecer tamén ás familias: todos somos un equipo e parte da comunidade educativa.

—Ademais de docente e intérprete, é tamén actriz de doblaxe!

—Encántame. Non traballo tanto como me gustaría por falta de tempo, pero estou facendo un máster en investigación musical e o meu TFM é sobre a música de Debussy no panorama cinematográfico actual. Emocióname moito o cine, son moi cinéfila.

—Ten algún proxecto musical propio entre mans?

—Pois estou de violonchelo principal na Orquestra de Cámara Galega e este mércores [por hoxe] tocaremos no Teatro Rosalía da Coruña. Será ás oito da tarde e interpretaremos un repertorio 100 % español, divertidísimo.

—Que consello lle daría a eses alumnos que queren facer da música unha profesión?

—Que o fagan, que o intenten. O primeiro é ter as ganas e a actitude para traballar tódolos días, e o segundo, ter un obxectivo claro para ir a por iso que queres. Ter soños e intentar cumprilos.

—E que hai da xente adulta que quizais non tivo ocasión de aprender música na súa infancia ou adolescencia, e quere probar sorte agora? É tarde para educar o oído ou aínda é posible?

—Para nada. A formación musical é fantástica a calquera idade e os seus beneficios están estudados, por exemplo en pacientes con alzhéimer. Unha pequena anécdota: a Fundación ONCE ten profesores e forma músicos. Persoas invidentes que teñen a oportunidade de aprender a tocar un instrumento seguindo partituras en braille e que teñen un oído súper desenvolvido. Se eles —con ese superpoder, porque non me gusta chamarlle discapacidade— poden, entón os que temos tódolos sentidos intactos, tamén.