Máis concellos da bisbarra veñen de anunciar as súas programacións con motivo da efeméride do 17 de maio: Fisterra, Cee, Cabana, Zas, Ponteceso...
13 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A escasos días de celebrarse unha nova edición do Día das Letras Galegas —dedicado este ano a Begoña Caamaño— afánanse os concellos da Costa da Morte en perfilar os últimos detalles das actividades que promoven en torno a esta efeméride. Estes son algúns dos programas de actos anunciados nestas últimas xornadas:
Fisterra · O sábado 16, concerto de música tradicional a cargo de Cristian Leggiero e Patty Lesta: ás 12.30 na Praza da Constitución. O propio domingo 17, foliada promovida por Trubisquiña: ás 13.00 no porto. E o martes 19, proposta para escolares en torno á figura de Begoña Caamaño: ás 11.30, no salón de actos.
Vimianzo · O venres 15, obradoiro Palabras máxicas, sobre a homenaxeada deste ano: ás 17.00, na biblioteca. O sábado 16, celebración comunitaria promovida pola asociación de veciños de Pasarela coas actuacións de Airiños do río Grande, Abrindo Rejo, Irma Macías e Luis Pinto, Teté Teatro, monólogos Mortos de risa, teatro O club das letras, Pasarela Big Band e Suso Andrea. Tamén haberá pinchos, exposición de fotos antigas e talleres para nenos, a partir das 16.30. E, por último, o domingo 17, concerto de Xabier Díaz no auditorio da Casa da Cultura: ás 19.30, entradas á venda na web do artista.
Cee · Coa presentación do primeiro Certame Batallón Literario da Costa da Morte botou a andar o pasado 1 de maio a programación municipal en torno ás Letras Galegas, que continuará nos vindeiros días coa proxección do documental Lavadoiro (mañá, ás 11.00, no auditorio), coa representación da peza teatral As letras que voan con nome de muller e a entrega de premios dos concursos da biblioteca (venres, 11.30, auditorio), cun concerto especial da Banda de Música (sábado, 21.00, auditorio), coa peza teatral Os vellos non deben de namorarse (sábado 23, 21.00, auditorio) e coa inauguración da exposición Óleos en lámina, de Fernando Lado (sábado 30, 11.30, sala de exposicións).
Laxe · Dúas propostas ben interesantes as que trae o consistorio para esta fin de semana: espectáculo A gran viaxe das Letras Galegas até Begoña Caamaño, de A Xanela do Maxín (sábado 16, 19.00, salón de actos) e un concerto de Xoán Curiel (domingo, 19.00, Praza de Ramón Juega).
Ponteceso · Ademais de habilitar un recuncho dedicado a Begoña Caamaño na biblioteca municipal, Nerea Gómez, Xosé Manuel Varela e Icía Varela presentarán esta tarde o seu volume sobre a autora homenaxeada pola RAG, ás 19.00. Ademais, mañá haberá unha actividade de formación sobre éBibliodaCoruna, unha plataforma gratuíta de préstamo dixital posta en marcha pola Deputación: ás 19.00 tamén, na biblioteca.
Cabana · O domingo, ás 11.00, terá lugar no auditorio un acto institucional con diversidade de propostas. Do eido musical, participarán as Cantareiras de Anos, Son de Cabana, a coral San Martín de Canduas e Barreiro & Mato. A Escola Municipal de Teatro interpretará a peza O rei que non sabía reciclar, mentres que a poetisa local Matilde Vilariño ofrecerá un recital. Así mesmo, haberá lecturas compartidas con Íntegro, a AECC e Cáritas.
Cerceda · Espectáculo Con lingua propia, de Peter Punk, este domingo no auditorio municipal: ás 12.30 horas.
Zas · Logo da iniciativa comercial que encheu Baio de letras a pasada fin de semana, continúa a programación municipal cunha actuación musical de Meninos do Pandeiro para alumnos do IES de Baio (venres) e cunha dobre función teatral o domingo 17: Dous no camiño, de Artefeito, na área recreativa do Reirís, en Fornelos (18.00) e Sol Fuerza, de aAntena, no auditorio baiés (20.00 horas).
E hoxe... contacontos na Laracha ou Camariñas e dobre proposta en Coristanco
En Camariñas continuará hoxe a programación municipal das Letras cun contacontos de Carmen Domech: O grúfalo, na biblioteca a partir das 17.30. Repetirá a mesma contadora mañá, xoves, co espectáculo Palabras con conto, desta banda ás 11.30.
Pola súa banda, na Laracha comezarán hoxe unha xeira de actividades para público infantil e familiar cun contacontos sensorial para nenos maiores de 3 anos: No monte, ás 18.00 na biblioteca de Caión.
E en Coristanco, dobre proposta ao abeiro do programa maio cultural, na biblioteca. Ás 10.00, a regueifeira Lupe Blanco guiará un encontro sobre baile tradicional e memoria colectiva, mentres que ás 12.00, Xesús Deus presentará o seu libro O espertar dos monicreques.
Máis axenda: un documental, un libro e festexos en dúas localidades
Van avanzando a xornadas, e con elas, as actividades da semana cultural do instituto de Baio: hoxe, teatro, divulgación sobre o eclipse ou a crise climática, visitas a Corax Fauna e á empresa Aluman ou distintos obradoiros.
Por outra banda, polo espazo Espiral Maior Foro de Carballo pasará esta tarde (20.00) Antonio Seijas, que presentará o libro Os oito mitos de Palermo acompañado por Cristina Fiaño, Rosalía Fernández e Miguel Anxo Fernán Vello. Á mesma hora, proxectarase no auditorio do Pazo da Cultura o documental Cardoña, fotos a 7 pesetas, e na biblioteca Rego da Balsa haberá durante a tarde un dobre pase de monicreques con Trinke Trinke: ás 17.30 e ás 18.30, co espectáculo Cores e persoas.
Por último, na Silva (Cerceda) e Cambeda (Vimianzo) haberá festexos hoxe con motivo da virxe de Fátima.