O Couto marida viños, cultura e patrimonio neste mes de maio

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Participantes na cuarta Mostra Choiva Viños, na Casa dos Veciños do Couto
Participantes na cuarta Mostra Choiva Viños, na Casa dos Veciños do Couto ANA GARCÍA

Choiva Viños promoviu onte neste lugar de Ponteceso a cuarta edición da súa mostra de viños galegos, con máis dunha vintena de adegas representadas

12 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Fundación Eduardo Pondal, Casa da Muller e asociación Monte Branco alíanse para encher a aldea do Couto de actividade e vida durante este mes de maio. Onte mesmo, a Casa dos Veciños acolleu durante todo o día a cuarta edición da mostra que Choiva Viños promove cada dous anos en torno a produción vitivinícola galega. «Este ano cumprimos dez anos coa empresa», explica Alberto Varela, «e cada dous anos estamos facendo estas xornadas. Sempre eliximos lugares da Costa da Morte, pois aínda que a nosa base está na Coruña, os dous temos raíces na comarca», engade o emprendedor e responsable, xunto coa súa muller, desta distribuidora especializada en viño galego.

Tras pasar por Cabana, Buño ou Carballo, desta banda elixiron O Couto polas raíces familiares de Alberto, pois o seu pai foi de Balarés. «E escollemos facela nestas datas tan especiais, as das Letras, pola gran importancia que lle damos a Galicia e ao produto galego», explica o empresario. Ademais, xa teñen participado nas Festiletras cunha actividade que relacionou «literatura e viños», indica.

Na xornada de onte estiveron representadas 24 adegas e máis de 300 viños. Orientada fundamentalmente a profesionais, durante a mañá levouse a cabo unha cata de viños históricos recompilados e conservados por Choiva, e ao longo da tarde tivo lugar na Casa dos Veciños a propia feira. Para rematar, unha cea-maridaxe no Restaurante Balarés na que degustaron exclusivamente produto da colleita do 2016: un xeito de conmemorar ese décimo aniversario da empresa.

Moita máis actividade

Viños aparte, ben cargado vén o mes de maio no Couto, coa conmemoración do Día das Letras Galegas e a entrega dos premios Bos e Xenerosos no horizonte: será o domingo, nun acto que deron en chamar O Dezasete e que incluirá un pasarrúas da Escola de Música Tradicional de Outes, una misa en galego cantada por Icía Varela e Xaquín Rama, unha ofrenda floral e interpretación do himno galego a cargo da coral A Oliveira ou unha foliada e degustación de petiscos e produto galego.

O día 18, Suso Lista guiará un percorrido de alumnos coruñeses polo Roteiro Pondaliano, mentres que o 20, acollerá a Casa da Muller un encontro interxeracional entre usuarias do centro e estudantes internacionais dun programa Erasmus. Finalmente, alumnado do curso de monitorado de tempo libre e das aulas científicas conducirán o día 23 un percorrido polo patrimonio do Couto.

Primeira sesión do programa de voluntariado xuvenil que impulsa a Fundación Eduardo Pondal
Primeira sesión do programa de voluntariado xuvenil que impulsa a Fundación Eduardo Pondal BASILIO BELLO

Por outra banda, dende o pasado 9 de maio está en marcha un programa de voluntariado xuvenil que se prolongará ata finais do mes de agosto e que incluirá actividades formativas de distinto tipo, como primeiros auxilios.