O Abaladoiro | Espléndido concerto do cantautor no auditorio carballés
11 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O espírito de Rosalía de Castro resucitou o venres pola noite en forma de concerto de Amancio Prada, que 51 anos despois e coa mesma frescura, encheu o auditorio de Carballo de xente e versos musicados, pero tamén recitados. Unha homenaxe íntima e colectiva cargada de lirismo e melancolía. Foi recibido o cantautor con rosas brancas. Só coa súa voz, unha guitarra, que alternou cunha zanfona, en memoria de Xosé Manuel Eirís.
Como chove miudiño foi a súa primeira peza. Lembrou Amancio os seus tempos de neno chamándolle as vacas ao seu pai. Con Pra Habana contou como con esta peza gañou un concurso e os cartos para mercar a súa primeira guitarra. «Toda a terra é dos homes», proclamou parafraseando o poema de Rosalía. As pezas rosalianas déronlle pé a recitar a Lorca, a Machado, a Bécquer.
Foi moi aplaudida Negra sombra e con Xustiza pola man saltou algún «bravo!». Campanas de Bastavales deulle pé a contar recordos infantís no Bierzo. Para o cantar de arrieiro Aluméame colleu a zanfona. Adiós ríos, adiós fontes puxo fin ao concerto, co público en pé. Libre te quiero foi de agasallo.