Tradición, andainas e outras citas hoxe para a Costa da Morte 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A música tradicional estará ben presente na xornada de hoxe
A música tradicional estará ben presente na xornada de hoxe BASILIO BELLO

Malante pecha curso, varias entidades saen en ruta e outras participan no Día da Muiñeira de Xiradela 

10 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Domingo 10 de maio e un bo número de citas na axenda da Costa da Morte para hoxe, ademais das propostas comerciais en Baio e Carballo. Anote:

Música tradicional • Dúas citas de referencia neste sentido. Unha, a gala de fin de curso da asociación Malante (Malpica), ás 12.00 horas no centro cívico, parte tamén do programa municipal Malpica nun mar de Letras. Xornada importante, doutro lado, en Arteixo, coa 38.ª edición do Día da Muiñeira que organiza a histórica asociación Xiradela: a partir das 18.00 horas, no Paseo do Balneario. «Unha tarde na que música e baile tradicional van ser protagonistas a pé de rúa para goce de veciñanza e visitantes», traslada Uxía Verdía, presidenta. Entre as agrupacións participantes hainas da Costa da Morte: Nemeth (Carballo), Santa María de Torás (A Laracha) e Trubisquiña (Vimianzo). Estiman nunhas 200 as persoas que bailarán a un tempo a peza Muiñeira de Santaia de Moar.

De ruta • Transitará Senda Nova a Ruta das Mámoas, segredos do interior de Cabana. Xa poden anotarse tamén na seguinte cita: Coristanco Histórico. Por outra banda, a entidade Salitre seguirá co seu Camiño dos Faros: hoxe toca etapa de Arou a Camariñas.Aproveiten para inscribirse na próxima, o domingo 24 de Camariñas a Muxía. Bergantiños, en terceiro lugar, será o destino das Andainas na Primavera da Laracha: hoxe toca De Anllóns a Balarés. O mesmo: xa está aberta a inscrición para ir á Fervenza de Belelle o vindeiro domingo 24 de maio.

Baile social • Haino en Malpica, no centro cívico, pero tamén en Vimianzo, Carballo ou Fisterra. En Carballo, ás 18.00 no mercado, animará Martín Reimúndez; en Fisterra, no mercado cultural ás 19.00, Judith Cundíns.

De festa e encontro • Logo das numerosas celebracións de onte, hoxe aínda queda lugar para a Divina Pastora de Ponteceso. Misa ás 13.30, sesión vermú e música con varios nomes propios: La Banda del Pájaro, Cuarentuna de A Coruña, Maruxía de Laxe ou DJ Peto, entre outros. No cámping Lago-Mar de Muxía terán powerfit e brunch con Lilá Búa (10.00).