Restauradas serían excelentes casas de turismo rural

José María Lema Suárez O FARO

CARBALLO

Da man de Neria, publiquei en 2001 Os mellores pazos da Costa da Morte, edición hoxe esgotada. Neste libro fixera unha introdución ó mundo dos pazos, empezando por unha longa definición: «Un pazo é unha antiga casa señorial propia de Galicia, construída no campo, destinada a residencia fixa ou temporal de familias nobres, con signos heráldicos nalgunha das súa paredes, e de proporcións bastante grandes e suntuarias que superan as das vivendas normais da contorna». A palabra procedería do latín Palatium, residencia señorial, que orixinaría os nomes de moitas parroquias e lugares de Galicia e un dos nosos apelidos máis frecuentes, con 14.470 ocorrencias.

Con todo, na nosa zona é raro que se lles chame pazos a esas casas suntuosas dos antigos fidalgos. É máis habitual denominadas torres, en plural, talvez en recordo do significado primitivo do latín turrem, lugar fortificado de carácter militar. Precisamente os pazos xurdiron cando os reis prohibiron a construción de castelos, a finais do século XV

Dentro da denominación xeral, hai pazos e pazos: nalgúns, os poucos, vese claramente que eran mansións suntuosas na que habitaban familias nobres, fidalgas de porte, e outras casas normais e correntes que pouco se distinguían das outras do lugar: unicamente polo escudo nunha das súas paredes. Véndoas, xa nos podemos figurar como serían na Idade Moderna as casoupas dos labregos aforados, todas elas, posiblemente, con cuberta de colmo como as pallozas.

É de lamentar que continúen no abandono, en galopante ruína, casas de familias fidalgas de tanta historia como a que habitou a Torre da Penela de Silvarredonda, ou as de Alonso de Lema de Berdoias, de 1607, e a do seu fillo Martiño de Castiñeira de Boallo, de 1630.

Restauradas serían excelentes casas de turismo rural, tan ben situadas preto do mar e das principais estradas. No aspecto positivo, saudamos a iniciativa da Ruta dos Pazos do Concello de Zas, guiada nos meses de verán, que percorre as principais casas fidalgas do municipio, empezando polas Torres do Allo —cun museo da vida dos pazos e da familia dos Rioboo—. Nesta ruta tamén se inclúe a Casa de Follente, onde unha placa lembra a estadía do cartógrafo Domingo Fontán en 1823; a Casa de Esmoríz —a Torre de Saz (Zas) dos documentos— e a Casa do Couto de Muíño, da que só quedan unhas paredes e un arco apuntado, ó ser infelizmente convertida nun cabanote por volta dos anos setenta do pasado século.