Actividades comerciais, ruadas e foliadas, tributos, presentacións literarias, música variada, festas... Hai onde elixir
09 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado 9 de maio e, ademais da Ruada das Cereixas de Verdillo que abre as Letras Galegas de Carballo, estas outras citas culturais e sociais nas que botar o tempo hoxe na Costa da Morte:
Comercio. Dúas localidades destino neste sentido. Unha, Carballo, onde mañá e tarde se levará a cabo a primeira das xornadas da II Feira Biosaúde, no mercado municipial. En Baio continúa a Feira das Letra: descontos en tendas, tapas e animación cultural. Máis información aquí.
Música. Tarde de foliada no cámping Lago-Mar de Muxía, con Pa feira co que temos e Os Roquiños: dende as 19.00. Tamén ás 19.00 botará a andar a III Foliada Fillas de María no campo da festa da Ameixenda (Cee): organiza Fumes do Cal, co apoio do Concello e a resposta de numerosos grupos para actuar: Son dos Muíños de Toba, Pandeireteiras de Berdeogas, Peta Forte, Abelleira E, As do Berrón, O Sibo do Solpor, Solaina, Portela Vella, Chan de Lemas, Gaiteiros de Buxantes, Ghandaina e Holland & The Blue Boys.
Presentacións literarias. No santuario Virxe da Xunqueira de Cee, ás 20.45, o sacerdote Jesús Raúl Marcos Gómez (Valladolid) dará a coñecer a súa obra Jesús el Mesías: vallisoletano, ten unha longa experiencia misioneira, sobre todo en Mozambique. Doutro lado, no Museo do Mar de Laxe, Olmar Díaz presentará a súa obra Sentimientos de mi vida (18.00).
Xuntanzas de maiores. É a quenda de Cabana, e ademais cun aniversario redondo, pois a cita impulsada polo Concello chega aos seus 15 anos. Apertura de portas ás 13.30 horas, no pavillón da Carballa.
Faladoiro. Avanza o programa Aldea Cultura da asociación Adro de Vilaño (A Laracha). A cita de hoxe será con Diego Rama, presidente da entidade, para tomar parte nun café filosófico gratuíto: 12.00, centro sociocultural.
Festas arredor da gastronomía. Hai unhas cantas. Por exemplo, a II Gran Pulpada de Soutullo (A Laracha), con xantar ás 14.30 e tardeo a cargo de O Tren da Unha. En Dumbría, a comisión programou unha Festa da Carne ao Caldeiro, con sesión vermú ás 13.30 e tarde co dúo Charada, ademais das viandas. En Vimianzo, dúas paradas: a VI Comida e festa da comisión de Baíñas, no pavillón e ata con concentración moteira, e a VII Comida Campestre da asociación de veciños de Cereixo, que sumará música co dúo Galán, disco CDC e DJ.
Chegou o día: hoxe, tributo a Pazos de Merexo en Muxía
19.00 horas • As Letras Galegas de Muxía botarán a andar esta tarde na praza Cabo da Vila, cunha homenaxe a Manuel Pazos, Pazos de Merexo, no que sería o centenario do seu nacemento. Todo un mestre do acordeón diatónico. A cita incluirá concerto de Acordeireta. «Pazos de Merexo está considerado un dos grandes referentes da música tradicional galega e unha figura clave na conservación do acordeón diatónico na Costa da Morte. Autodidacta e cun estilo propio, converteuse nun símbolo da cultura popular, mantendo vivo un repertorio que forma parte da memoria colectiva de Muxía e de Galicia», lembraba hai uns días o Concello muxián, animando á asistencia para render tributo a un dos músicos máis senlleiros e queridos do municipio.