Dende Quintáns, Muxía, e dende o seu punto de libros, agradecen a entrega de obras feita por Manuel Vilar Álvarez
08 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A veciñanza responsable do punto de libros de Quintáns (Muxía) vén de trasladar o seu agradecemento ao escritor, historiador e antropólogo Manuel Vilar Álvarez, exdirector do Museo do Pobo Galego, directivo do Semescom e natural de Santa Mariña. Vilar fixo entrega a este punto de lectura, emprazado na escola unitaria, de parte dos seus fondos literarios. Entre esas obras, algunhas da autoría de Antonio Fraguas, Manuel María, Manolo Rivas, Ana Cabaleiro, Manuel Veiga, Xerardo Quintiá, Rivadulla Cordón ou Héctor Pose, pero tamén obras colectivas ou La hija del mar, de Rosalía de Castro. O «agasallo», como así o referencian, inclúe asemade textos de Benedetti, Julio Cortázar, Liam O’Flaherty, Esther Kinsky ou Leila Slimani. Hai, asemade, publicacións de patrimonio —Os faros da Costa da Morte; Diccionario Xaquín Lorenzo, Xocas; Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil ou O hórreo atlántico e fisterrán— e exemplares de revistas como Alicerce ou Terra e tempo. Poder levar a casa en préstamo algun dos títulos é de balde para calquera veciño, só cubrindo nun documento nome e obra que se leva.