Accesibilidade e pluralidade, as bases de Escora Danza 2026

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Presentación de Escora Danza, este mércores no salón de plenos de Corcubión
Presentación de Escora Danza, este mércores no salón de plenos de Corcubión ANA GARCÍA

Promove a área de Cultura da Deputación, con catro paradas na Costa da Morte para xuño: Vimianzo, Corcubión, Malpica e Mazaricos

08 may 2026 . Actualizado a las 00:16 h.

A área de Cultura da Deputación da Coruña deu a coñecer este mércores, dende o salón de plenos de Corcubión, a quinta edición de Escora Danza, un ciclo que percorrerá catro concellos da comarca no mes de xuño: Vimianzo (día 6), Corcubión (7), Malpica (13) e Mazaricos (14). Unha vez máis, apostarase pola danza como ferramenta de mediación cultural, participación social e diálogo co tecido social: «Escora Danza representa aquilo que queremos poñer en valor: o traballo no territorio, traballar para as persoas dende as persoas, traballar en comunidade, de maneira intercultural...», apuntou a deputada de Cultura, Natividade González.

Falouse en Corcubión dos beneficios da danza para a saúde e houbo tamén agradecementos, como os do edil de Cultura local Juan Carlos Cristino. É o terceiro ano que Corcubión participa na convocatoria: sen a Deputación, díxose, «nin esta nin outras iniciativas serían posibles».

Presentación, no salón de plenos do Concello de Corcubión
Presentación, no salón de plenos do Concello de Corcubión ANA GARCÍA

Ademais de representantes de varios dos concellos e asociacións participantes no programa —ver abaixo—, tamén tomou parte da presentación Marcia Vázquez, comisaria do proxecto. O programa desta quinta edición, avanzou, apostou por presentar atención «á diversidade de corpos, de idades e de formas». Así, reivindicou a danza como «patrimonio común» e, aínda así, tamén como «algo efémero»: «O que procuramos este ano é unha danza accesíbel que represente a pluralidade da cidadanía, de identidades e realidades», dixo. Unha danza «híbrida» que se mesturará e convivirá desta volta con monicreques, circo, teatro físico ou tamén baile tradicional.

Vimianzo | 6 de xuño

Ás 18.30 horas, na Casa da Cultura. A xornada abrirase coa participación dos Coros de Cereixo e Carnés, xunto coa danza de Eva Comesaña, e incluirá a representación de «Ma p’tite dame», da creadora francesa Claire Heggen, nunha función que supón a súa primeira vez en Galiza. Entrada libre ata completar aforo.

Corcubión | 7 de xuño

Ás 18.30 horas, no Campo do Rollo. O programa neste caso reúne as pezas «Ouveo», de Mikel Aristegui, e «Son libre», de Mikel Aristegui e Clara López Villar, ademais da presentación de «As pegadas do baile», de Artur Puga. En caso de choiva, a actividade trasladarase á Casa da Cultura de Corcubión.

Malpica | 13 de xuño

Ás 19.00 horas, no porto. Acceso de balde ata completar capacidade; en caso de choiva, no centro cívico. Aquí poderanse ver os espectáculos «SO-FA(R) FROM ME (aéreo)», da compañía Martaalonsotejada, e «O. Que todo volva comezar», de Raigañas, dirixido por Rut Balbís.

Mazaricos | 14 de xuño

Ás 18.30 horas, no recinto feiral da Picota. Una proposta que inclúe «Traktor», da veciñanza de Mazaricos, dirixido por Anuska Fernández e Yas Deluaces, e «A noite do cuco», de Jandross Rodríguez. A xornada en Mazaricos rematará cunha sesión DJ a cargo de WG83.