Baio pecha tempada de exposicións artísticas co artista catalán José Maynat

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Na inauguración participou Carlos, o irmán do artista
Na inauguración participou Carlos, o irmán do artista ANA GARCÍA

As obras poderán verse no centro sociocultural baiés ata finais deste mes de maio

06 may 2026 . Actualizado a las 00:38 h.

Unha mostra plástica do artista catalán José Maynat pecha a tempada de exposicións no centro sociocultural de Baio. Titulada Cores da alma e comisariada pola técnica Tania Carreira —ao igual que o resto de exhibicións que acolle o recinto cultural ao longo do ano— foi inaugurada na tarde de onte en presenza de Carlos, irmán do artista.

O alcalde, Manuel Muíño, apuntou que o creador, que suma participacións en diferentes exposicións individuais e colectivas, non só se dedica á pintura, senón que tamén escribe poesía, unha faceta que lle valeu, por exemplo, un segundo premio nun prestixioso certame internacional.

Carlos, pola súa banda, agradeceu no nome do seu irmán a oportunidade de expoñer en Zas e explicou que José conta cunha experiencia de máis de trinta anos no mundo da arte, pasando primeiro polo óleo, logo polo acrílico e, máis tarde, atopando a súa paixón na acuarela.

De Salvador Castellá, o seu mestre, aprendeu a traballar a fluidez da auga e a empregar o branco como un «elemento esencial» na súa obra, aspectos que se poden apreciar na colección que dende onte se expón en Baio. Na mesma hai, así mesmo, varias acuarelas de Josep, fillo do artista.