A viva voz | Zënzar, banda decana de rock en galego, ten novo disco e novo integrante. Chegan este sábado a Carballo para ofrecer un concerto nun espazo de significado e na compaña de Ruxe Ruxe: o Casino
01 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.En Radio Voz soaba este mércores Parabéns, tema de Zënzar, e eses parabéns son varios. Primeiro, para a propia banda cercedense, por ese adianto de novo disco que veñen de lanzar e por seguir con forza renovada cando xa levan 37 anos de rock en galego. Segundo, para os seus fans. O espírito de Zënzar está ben vivo e así se verá no concerto que teñen mañá no Casino de Carballo. Zënzar son actualmente Xosé Antón Bocixa, Laura Romero, Mario Grela, Manolo García e Gonzalo Grela, este último nova entrada. Falaron na conversa Bocixa (1967) e Laura (1991):
—37 anos e 13.º disco: é o momento de darlles os parabéns.
—[Bocixa] Tamén o é para nós, para dárllelos a toda esa xente que estivo aí todos estes anos. Parabéns é un tema que Mario compuxo para o 35.º aniversario, pero que para aquela non demos feito. Chega no 37.º, perfecto, con outra presiña de cancións para pasalo ben e gozar, ese que sempre foi un dos obxectivos da banda.
—«Bla, bla, bla...». Quen conta a historia deste título de disco?
—[Laura] Pode soar raro de primeiras, pero é o título dunha das cancións e a min inspirábame moito á hora de pensarlle unha estética ao disco. Algo moi ligado a este tempo, no que sempre hai que estar contando. Digamos que é non dicir nada e dicir moito á vez.
—Xunto con «Son eu» e a revisión de «Ratos no hórreo», un deses adiantos é xusto «Parabéns». Vemos en Youtube ese videoclip gravado no pub Non Sei da Silva, onde debutaron no 1988, e aberto para a ocasión. Como foi volver para Bocixa e que supuxo entrar para Laura?
—[Bocixa] Foi un soño. Non criamos que fose posible, intentarámolo hai uns anos, mais desta volta toda a familia do Non Sei se volcou con nós, os irmáns Beni, José Manuel, Catuxa e Asun. Facilitáronnos todo e foi en verdade un encontro moi emocionante. Estabamos todo o grupo nervioso, pois ademais de ser o lugar onde debutamos, este pub foi lugar fantástico de parada cultural. Rodeados de xente que nos vira naquel 1988, dos seus fillos e xa non sei incluso se de algún neto, volver gravar alí foi marabilloso.
—[Laura] Naquel 1988 eu non estaba nin neste mundo! Para min, xente da miña xeración e outra máis nova, foi unha oportunidade, por agora a única, de vivir o ambiente do Non Sei. Meterse nesa cápsula do tempo da que falaran.
—Para cando o disco completo?
—[Laura] O disco físico está ao chegar, agardo que esta mesma semana, aínda que xa temos aberta unha opción de prevenda con desconto. Ás plataformas chegará quizais en tres semaniñas.
—O disco non é a única novidade de Zënzar. Sae Paco Cerdeira, guitarra, e chega Gonzalo Grela. Como viven este cambio?
—[Laura] Aínda levando eu pouco tempo na banda, dez anos, son a biógrafa oficial [ri] e hei de dicir que Zënzar non está acostumada a moitos cambios. O libro que escribín, de feito, está estruturado en catro partes, pensando nos catro grandes cambios da agrupación. Polo tanto, tristes pola marcha dun compañeiro, pero contentos pola chegada de Gonzalo, que é familia, e polo son que lle está sacando aos temas.
—Imaxinaban chegar ao 2026 como o están facendo? Con esta enerxía e co seu rock en galego?
—[Bocixa] Nunca nos plantexamos nada máis que vivir o momento, e máis aínda naqueles anos. O noso era estar alí no local e nin sequera no primeiro ano de ensaios pensabamos en tocar. Pero o ambiente daquel concerto, en tempos de sede cultural, foi inmellorable. Estamos máis enganchados ca nunca ao rock, non sei como nin por que, pero somos incapaces de vivir sen el. Conservamos as ganas e estamos máis maduros a nivel musical, somos unha banda máis consistente.
—Ritmos contundentes e temas denuncia, din. Razóns para denunciar semella que non faltan.
—[Bocixa] Iso tamén, por desgraza. Igual forzamos menos a máquina para as letras, se ben neste disco tamén hai temas que nos levan aos primeiros Zënzar. Son pezas novas, algunhas, e por iso nós lle chamamos EP, pois son cinco de novidade, pero tamén recuperamos outras daquela festa da Capitol de hai dous anos, con amigos. En Ratos no hórreo temos a colaboración Juankar, de Boikot, e Manolo Kabezabolo.
—Como se leva o interxeracional?
—[Laura] Eu lévoo moi ben, e máis logo deste tempo xa. Ao comezo igual se vía algo máis raro, foi toda unha oportunidade.
—[Bocixa] Encantados con Laura. Fixo moito máis do que esperabamos. Aguantounos, que xa non é pouco, pero aínda por riba trouxo aires novos e traballa en cousas que nós nunca fariamos.
—Zënzar vén de actuar en Cervo e Boiro, esta fin de semana toca Carballo e logo virá Santiago.
—[Bocixa] Agardamos en Carballo un ambiente especial, imos ir ademais moi ben acompañados, coa banda Ruxe Ruxe, e por certo todo nun espazo con moito simbolismo, toda esa loita do Casino.
Concerto, mañá
Ás 21.30, no Casino de Carballo. Todos os detalles para facerse coas entradas poden atopalos na web de Zënzar. Hai opción de anticipada (12 euros) e en billeteira (15). Tamén puntos físicos de venda: O Casino e O Patacón, en Carballo; A Taberna (Cerceda) e Kronos (Ordes).