Dous novos galardóns e saber toponímico con Lema Suárez no instituto de Baio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O grupo Ecoaventureiros de cuarto da ESO, recollendo o galardón en Miño (Ourense)
O grupo Ecoaventureiros de cuarto da ESO, recollendo o galardón en Miño (Ourense) .

O palmarés de experiencias do IES Maximino Romero de Lema continuou medrando nas últimas horas

01 may 2026 . Actualizado a las 14:35 h.

Están a ser estas últimas horas intensas para o instituto Maximino Romero de Lema. Dun lado, a visita, o mércores, do historiador e escritor Xosé María Lema, para presentarlles aos rapaces o seu libro Toponimia de Zas e, doutro, dous novos galardóns que agrandan o palmarés do centro educativo de Baio

Alumnado de cuarto da ESO vén de ser galardoado na segunda edición do concurso #ParqueVibras, certame autonómico para estudantes de terceiro e cuarto de secundaria que, por iniciativa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ten como fin achegar os Parques Naturais de Galicia aos estudantes. Non só iso, senón fomentar a súa sensibilización a través da creación de contido para redes. Dende Baio presentaron a peza audiovisual O monte Aloia, un vídeo orixinal e en galego no que se converteron en influencers do patrimonio natural para reivindicar a protección destes espazos. Foron alumnos de cuarto da ESO, grupo Ecoaventureiros, os que recolleron galardón no Concello de Miño (Ourense), acompañados da profesora que coordinou o proxecto, Fina Paulos Lareo. Como premio, a clase completa de cuarto do IES baiés gozará dunha excursión a un dos seis parques naturais da comunidade galega. 

Por outra banda, e con respecto ao outro galardón, vén de fallarse por parte do Cuartel General de Mando de Apoio á Manobra a fase rexional dos Premios Ejército 2026, na súa modalidade de Ensinanza Escolar. Na categoría B (secundaria), venceu o IES de Baio, co traballo España: la gran olvidada, sobre o 250.º aniversario da contribución militar española á independencia dos Estados Unidos de América. Os centros gañadores nesta fase concorrerán á nacional, que se fallará entre o 1a e o 15 de maio. 

Lema Suárez, á dereita, recibe un detalle por parte do centro educativo
Lema Suárez, á dereita, recibe un detalle por parte do centro educativo .

Finalmente, foi tamén alumnado da ESO, neste caso de cuarto, o que recibiu a visita do investigador e escritor Xosé María Lema Suárez este mércores. Con esta actividade, o centro poñía fin ao Mes do Libro. Deron conta dende o Maximino Romero de que o autor explicou o proceso de elaboración do traballo Toponimia de Zas, no que afonda na orixe e significado dos nomes do concello. A obra foi publicada no 2025 dentro da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e, nela, ademais do detalle pormenorizado de cada caso, destaca a importancia desta ciencia como parte fundamental da memoria dun territorio. A toponimia permite comprender a identidade dun pobo, de aí a necesidade de preservala. É patrimonio inmaterial. Amosaron os rapaces interese a través de preguntas e achegas sobre os nomes da súa contorna máis próxima.