Contos, poesía e saúde, entre as citas para hoxe na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O proxecto Pesca Saúde chegará hoxe ao centro de saúde da Laracha
O proxecto Pesca Saúde chegará hoxe ao centro de saúde da Laracha ANA GARCÍA

Axenda | Non rematou abril, polo que entre as propostas continúan actividades ligadas ao Mes do Libro

30 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Ademais da derradeira peza da 24.ª Primavera enDanza en Carballo —21.00 horas, El verbo, con Daniel Doña (Andalucía)—, outras citas para hoxe na Costa da Morte:

Carballo • Segundo día da iniciativa municipal Cazadores de solpores. Colla o móbil ou a cámara, fotografíe o solpor ás 20.28 horas, comparta nas redes, etiquete ao Concello, e axudará a crear un mapa de puntos de observación do sol de cara á eclipse do 12 de agosto.

Carballo • Últimos dos obradoiros Poetizando en Carballo 2026, impartidos pola poeta e editora Antía Cal e promovidos dende a área municipal de Normalización Lingüística. Se non houbo cambio de plans, hoxe será quenda para alumnado do CEIP Nétoma-Razo, o Canosa-Rus e o Gándara-Sofán. Creación e lingua.

A Laracha • Nova quenda de visitas ao castro de Montes Claros, impulsada polo Concello. Hoxe é o primeiro día, ás 12.00 horas. Quen se achegue poderá coñecer os traballos en marcha.

A Laracha • A campaña Alimentos do mar, alimentos de vida, parte do proxecto Pesca Saúde e na que toma parte o GALP, chegará hoxe ao centro de saúde da Laracha, para divulgar os beneficios do consumo de peixe e marisco fresco. Información, degustación e vales de compra de 11.00 a 13.00, no exterior do centro.

O Ézaro (Dumbría) • Na biblioteca, ás 18.00, taller de xoguetes de cartón e papel, a cargo de Juste Kamishibai. É preciso inscribirse mediante formulario web.

Baio • No auditorio baiés, ás 15.30, obradoiro infantil Ramas literarias, para nenos de 6 a 11 anos, con inscrición previa no 981 718 056. É a derradeira cita do ciclo Mulleres e territorio, impulsado polo Concello.

Cee • Encontro interxeracional promovido polo Concello arredor do Mes do Libro. Mestras xubiladas comparten con pequenos da Escoliña de Cee contos e experiencias. Con eles estará hoxe Concha Blanco.

Cabana • Quinta inauguración da terraza da parrillada A Pedra. Pinchos dende as 19.00, concerto de Nunzia ás 21.30 e despois DJ Maroñas. Mañá é día festivo.