Foliada de Raigañas e outras propostas de interese para este sábado 25 de abril
CARBALLO
Sen plan para pasar o día na Costa da Morte? Aquí quedan unhas cantas citas que dinamizarán a comarca
25 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Sábado 25 de abril, data ben histórica para Portugal, e na Costa da Morte plena de celebracións. Á cabeza —por lonxevidade, entrega e afán en conservar o legado da música e o baile tradicional— está a 12.ª Foliadiña e 19.ª Foliada de Cerqueda (Malpica), organizadas pola asociación Raigañas. Baralloas e gaiteiros abrirán as actucións ás 13.00 horas, previamente á sesión vermú a cargo de Icía Varela. Pola tarde (16.30), contada de historias con Atenea García e taller de coiro con Rakelúa. Botará a andar a foliadiña ás 18.00 e a foliada ás 20.00, con case 40 grupos en total. Música, baile, risas, sorpresas, e opcións para xantar e cear. Colaboran Concello e tamén a Deputación.
Vimianzo • Das 12.00 en adiante, no pavillón, 22.º Xantar dos Nosos Maiores, organizado polo Concello: inclúe xantar, homenaxes e música en directo. Tamén será día da quinta Festa Mexicana, as 19.45 horas en adiante na Praza Castelo. Xogos, concursos e concertos de Leite con Jalletas (22.00), Mekánika Rolling Bad (23.30) e Disco CD co DJ Chicho (02.00).
Corcubión • Misa cantada ás 12.00 pola coral Airiños de Quenxe. Procesión coa charanga O Rumbo de Sardiñeiro. Sesión vermú coa orquestra Fuego, inchables de balde no Campo do Rollo de 17.00 a 20.00 e, a partir das 22.00, verbena con Fuego, Capitol e CDC. Festexan por San Marcos.
Camariñas • Festas de San Xurxo e día dedicado aos emigrantes. Macrovermú cun dúo, discoteca móbil Impacto e DJ David Bermúdez; verbena con Panorama City, Impacto e os DJ Nyan Boe e Drew Korme.
Cances (Carballo) • Pulpada e churrascada da comisión, no campo da festa, das 14.00 en adiante e con música en directo.
Merexo (Muxía) • A asociación cultural Os da Urxeira promove un novo certame e degustación de empanadas de rodaballo, a partir das 12.30 na escola veciñal de Merexo. Música tradicional, debuxos, sorteos e máis.
Zas • II Ruta Cabalar, organizada pola comisión Virxe do Carme. Percorrido dende as 10.00 (saída ao lado do polideportivo), vermú, xantar, sorteos e música.
Do Curruncho Pop en Carballo ao teatro en Vimianzo
Máis alá de citas literarias, de celebracións e de andainas, a Costa da Morte albergará hoxe varias citas cos escenarios. Unha, en Vimianzo, onde ás 20.30, no auditorio da Casa da Cultura, poderá o público gozar da obra de teatro O proceso, coa compañía Malasombra. Aborda o proceso xudicial contra Curros Enríquez pola obra Aires da miña terra. As entradas están dispoñibles en woutick.es ou ben na propia Casa da Cultura dende unha hora antes.
Por outra banda, na biblioteca Rego da Balsa de Carballo avanzará o ciclo Curruncho Pop, literatura e música. Ás 19.30 (gratuíto) presentarase a obra Conversaciones con Maryní, de Esther Zecco. Quen foi Maryní? Produtora e directora de grandes grupos e cantantes do mercado estatal e iberoamericano. Na súa honra actuará a compostelá Espiño Band, liderada por Alfonso Espiño, cun percorrido por temas producidos por ela. A propia Zecco interpretará algún.
Convite á lectura a través de teatro e publicacións
Hoxe • Ademais do Curruncho Pop na biblioteca Rego da Balsa de Carballo, que inclúe presentación literaria, outras citas ligadas ao Día do Libro para hoxe na Costa da Morte, como estas:
Baio • Avanzará ás 20.00 horas no auditorio baiés o ciclo cultural Mulleres e territorio. Desta volta, a cita será coa xornalista e escritora baiesa Carmen V. Valiña, para presentar a súa obra As tolas que non o eran: mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936).
Cee • No auditorio Baldomero Cores, ás 19.30 horas, espectáculo A libraría máxica, a cargo de Inventi Teatro, con entradas a 5 e 3 euros e a billeteira aberta dende una hora antes. Cita, pois, para público familiar.
Fisterra • Promove a concellería de Cultura, na biblioteca municipal, un contacontos a cargo de Trémola Teatro. Ofrecerá o espectáculo O segredo da biblioteca, tamén unha cita para vivir en familia e prevista para as 12.00 horas. Acceso libre.
Andaina solidaria dende Cabana, hoxe
Hoxe • Íntegro e Máis Porvir Xestión Social teñen destacadas citas no horizonte, dúas delas hoxe mesmo. A primeira, ás 11.30, cando a entidade con sede en Nantón (Cabana) celebrará asemblea. A segunda está programada para as 16.00 horas e trátase da terceira andaina solidaria Por un millón de pasos, con saída dende a praza de Canduas e chegada á praza do Pendón, uns 4,5 quilómetros de percorrido co que colabora o Concello. Tomar parte nela, e por tanto sumarse á causa, ten un custe de 5 euros para os adultos e de tres para os menores de 12, incluíndo o avituallamento. Ofrecerase ademais a posibilidade de adquirir unha camiseta conmemorativa por cinco euros. Deporte, inclusión e axuda danse a man nesta proposta, que require de inscrición mediante formulario ou no 650 961 649. Está a tempo de sumarse.