Presentacións, contos, pequenas obras e obradoiros continúan hoxe en máis de media ducia de localidades. Pero tamén hai moitas outras propostas: ten as máis destacadas nesta axenda
24 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Este xoves 23 de abril conmemorouse o Día do Libro e do Dereito de Autor, xornada intensa na Costa da Morte e noutras latitudes. Que pasase o día, non obstante, non quere dicir que cese a actividade ligada a esta celebración, pois así de intenso virá este venres 24 de abril na comarca:
Carballo
Tres citas ligadas á conmemoración. Na biblioteca Rego da Balsa, ás 18.00, peche da Semana do Libro e a Lectura con Migallas Teatro e a súa peza Brincadeiras da lingua, unha actividade aberta ao público, de acceso libre. A sede de Espiral Maior Foro, doutro lado, acolle na rúa Sol ás 20.00 a presentación do libro Saber o real: pezas de filosofía, de Miguel Ángel Martínez Quintanar. Canda el estarán Rosalía Fernández, Luís G. Soto e Miguel Anxo Fernán Vello, editor e responsable de Espiral Maior. Entre medias, ás 19.00 horas na libraría Clarión, Rodrigo Costoya presentará a súa última publicación, a novela Fillos de Gael: acompañarao o tamén escritor Rober Cagiao. Historia e aventura fan un man a man nesta obra de Costoya que xa ten levado ata o hotel Bela Fisterra.
Malpica
Bota a andar o ciclo de contacontos Tardes na biblioteca, de iniciativa municipal. Está integrado en Malpica nun mar de letras, o programa que dinamizará maio na localidade, e a cita será na biblioteca, con sesións ás 18.00 para nenos a partir de catro anos. Hoxe, Hotel paraíso, a cargo da compañía Galeatro.
Cee
A Semana do Libro impulsada polo Concello inclúe para as 19.45 horas, na biblioteca Francisco Mayán, a presentación da obra Cuando los sueños hablan, de Asier Fraga. Un thriller psicolóxico, tecnolóxico e futurista, segundo avanzan. Estarán co autor Marina Gómez, escritora, directora teatral e docente; e Sara Rodo, bibliotecaria.
Corcubión
No centro sociocomunitario da localidade, ás 19.00, tamén presentación literaria. Neste caso, Un pañuelo de papel (diarios de residencia), de Gabriel García Legido. «As protagonistas son as nosas avoas e avós. Historias que nos achegan ao seu día a día, marcado por un pasado de esforzo, un presente de loita e un futuro incerto», traslada o Concello, ente organizador.
Ponteceso
Na libraría A Tenda dos Libros, ás 19.00, o escritor Arturo Lezcano presentará hoxe O país invisible. Canda el, a autora Marta Villar.
Dumbría
Na biblioteca de Olveira avanzará o Abril de Libros municipal. Ás 18.00, obradoiro de robótica Lego WeDo: a partir dos sete anos.
Coristanco
Igualmente ás seis da tarde, na biblioteca municipal, taller para crear un libro pop-up. Páxinas que cobran vida con pequenos de 7 a 12 anos. Necesaria inscrición.
Cerceda
Cita na biblioteca municipal da Silva. Ás 17.00, contacontos con merenda a cargo da compañía Trémola: obra O segredo da biblioteca.
Máis de 700 alumnos entre Caión e Vimianzo: radio escolar
Hoxe • A iniciativa de radio escolar Ponte... nas ondas! levarase a cabo hoxe de xeito simultáneo, dende as 09.30, en dez localidades de Galicia e o norte de Portugal. Na Costa da Morte, será en Caión —cuns 300 nenos de A Laracha, Ponteceso, Carballo e Laxe— e en Vimianzo —cuns 400 do propio municipio, Zas, Cee, Corcubión, Fisterra, Dumbría, Muxía, Mazaricos e Cabana—. As súas emisións en torno a patrimonio poderan seguirse nos Youtube municipais. Acudirán tamén os alcaldes.
Intercambio de orquestras entre Conservatorios
Hoxe • Acolle o mercado municipal de Carballo, ás 19.00, un intercambio das Orquestras do Conservatorio da vila e do Xan Viaño de Ferrol. Supón para os ferroláns devolver a visita que lle tiñan feito os carballeses un tempo atrás. É unha cita de acceso libre.
Documental «A Costa e os castelos», para IES e público xeral
Hoxe • O carballés-baiés Alejandro Gándara terá hoxe día intenso. Pola mañá pasará polo IES Terra de Soneira e o IES Parga Pondal para presentar o seu documental A Costa e os castelos. Tamén se proxectará ás 20.00 no auditorio vimiancés, e alí tomará parte nun coloquio.
San Marcos en Corcubión e San Xurxo en Camariñas
Hoxe • Non faltará nin festa nin verbena na fin de semana. Para mostra, hoxe mesmo. En Corcubión comezan a festexar este venres na honra do patrón, san Marcos: a partir das 22.00 horas, verbena a cargo do grupo América de Vigo e a discoteca CDC. Seguen de celebración tamén en Camariñas, hoxe por san Roque e san Antonio: bombas de palenque, pasarrúas con charangas e grupo de gaitas, misa ás 13.00 horas, procesión, vermú con M3 Show e verbena co espectáculo de M3, Funçao Públika, Impacto e DJ Cotelo.
«Alén», coa compañía de danza Glovo, en Carballo
Hoxe • 21.00 horas • Pazo da Cultura • Logo de Cicatriz (Kirenia Danza) e O arcón de Noa (Amarelo Cía), chega hoxe a terceira cita do 24.º Primavera en Danza. Colectivo Glovo (Galicia) trae ao Pazo carballés Alén, baixo dirección de Esther Latorre e Hugo Pereira. Son 50 minutos, para público adulto, con entradas a 7 e 4 euros.
Teatro, arte, solidariedade e chegada de L’Isle
Hoxe • Terá hoxe en Cee a posibilidade de doar sangue diante do centro de saúde: de 10.30 a 14.00 e de 16.45 a 21.00. En Carballo, dúas citas de interese: ás 18.30, apertura da exposición Ingredientes na galería Manolo Eirín (rúa da Estrela, 17) e recepción aos franceses de L’Isle Jourdain (Francia), vila coa que está irmandado Carballo: a chegada ao Concello será sobre as 20.00. Por último, ás 21.00 en Paiosaco (A Laracha), poderá gozar do teatro con Entre dos, de Teté Delgado e Julio Pereira: máis datos aquí.
CITAS POLO DÍA DO LIBROS LEVADAS A CABO NAS ÚLTIMAS HORAS
Memoria viva de González Tiradas en Carballo. Nutrida participación o mércores na «ruta viva» que en Carballo se promoveu. Memoria e pasos para percorrer a vida de Cándido Alfonso González Tiradas, xornalista e escritor nado na vila hai 120 anos. Guiou e púxose na súa pel Hadrián García; pechou a Aula de Teatro cunha lectura dramatizada. «Fillo dunha familia traballadora, pasei a infancia entre libros prestados, o ruído dos muíños e a vida humilde das nosas xentes. Sempre sentín unha curiosidade fonda pola palabra, por esa arte misteriosa de contar o que vemos e o que sentimos. Cando era novo, soñaba con que o teatro galego podía ser algo máis ca unha distracción: podía ser unha fiestra aberta ao mundo, unha forma de facernos pensar, rir, e tamén recoñecernos. Pero a vida, como ben sabedes, non sempre segue o camiño que un imaxina. A pobreza e as dificultades fixéronme buscar novos horizontes e como tantos galegos da miña época, emprendín viaxe cara América, concrtamente a Bos Aires, coa maleta chea de esperanzas e cun feixo de lembranzas de Carballo na memoria». Así, con estas palabras iniciais, presentouse González Tiradas na voz de Hadrián.
Un «día especial» con María Canosa. Alumnado de primaria do CPI de Zas mantivo onte, polo Día do Libro, un encontro coa escritora María Canosa. Traballaron os rapaces tres títulos da autora. «Un día especial para o centro», relataban. «Contentísimos» coa visita e a xornada de merenda.
«Ledicias» na biblioteca co Mago Paco. A 19.ª edición da Semana do Libro e a Lectura, promovida en Carballo polo Concello e a AS-PG, incluíu onte nas súas actividades abertas unha sesión de xogos, humor, maxia, ilusión e emoción a cargo do Mago Paco. Titulouna Ledicias.
«Lemos o que nos peta»: lectura colectiva. A lectura fainos felices. «Lemos o que nos peta», onte nas Escolas Agra de Caldas de Carballo, foi unha lectura colectiva de textos en galego. Promoveu Bibliotecas e Normalización Lingüística, con Tone Martínez como mestre de cerimonias.