Catro galardóns veñen para terras de Bergantiños, o berce desta improvisación oral. Tremenda «satisfacción», por exemplo, senten dende o CPI Alcalde Xosé Pichel
17 abr 2026 . Actualizado a las 01:14 h.O Pazo da Cultura de Pontevedra abriu onte as súas portas aos mellores traballos audiovisuais de improvisación oral coa entrega de premios da novena edición do certame Enreguéifate. Este proxecto, promovido este ano baixo o lema Versos doutro universo polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo, «busca difundir a regueifa, patrimonio inmaterial que continúa a se renovar xeración tras xeración, e fomentar o uso do galego entre a mocidade», destacou a organización.
Conducido polo mestre e regueifeiro Manolo Maseda, contou coa presenza do tamén mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende, e os formadores do Enreguéifate Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo d’Herbón, Cristian de Burela, O Rabelo e Manuele Pardo. Orquestra da Regueifa e xmaseda65 sumaron música ao centro.
En canto aos galardóns, os vídeos premiados na categoría xeral foron os de Saúde e lingua!, de Regueifeiras do CIOV (Vigo) como Regueifa máis brava; Reguei-FIT-eiros, de Arrieiro e Chaminho, de Cambre e Malpica como Regueifa máis aguda; Viaxes improvisadas, de R5 Aeroliñas Regueifeiras, da Escola da Regueifa de Carballo como Regueifa máis diversa; Regueifa informativa, de Reporteiros regueifeiros de Pontevedra como Regueifa máis reivindicativa; A vida con humor, dos Coros Virxe da Renda e Casa Rosada de Poio como Regueifa mellor cantada; Flores e cores, de Familia V.A., de Santiago de Compostela como Regueifa mellor falada; O home contra a máquina, de Teiseiros regueifeiros do Centro de Inclusión Fundación de Santa Cruz en Vigo como Regueifa máis inclusiva; e Regueifa do Entroido, de Regueifeirxs do Entroido de Santiago como Regueifa máis entroideira.
Pola súa banda, en categoría escolar os premios recaeron en A mocidade anda nas verzas, de Os fervellasverzas do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo de Carballo como Regueifa máis brava; Misión onomástica, de Astrovacas do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela como Regueifa máis aguda; Regueifa universal, de Lopeiros do CEIP Plurilingüe Lope de Vega de Vigo como Regueifa máis diversa; A regueifa é mundial, de Pois Disque Cantamos do IES de Melide como Regueifa máis reivindicativa; Antes ou agora?, de Regueifando en Dodro do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro como Regueifa mellor cantada; Churras, churras, churras!, de Regueifeiras da Chá do IES Basanta Silva de Vilalba como Regueifa mellor falada; Un día con nós, de As e os regueifeiros do Quiroga, 4º C, do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios de Santiago de Compostela como Regueifa máis inclusiva; e Duelo de Entroido: Valenza vs. Rececinde, de Faísca Bergantiñá do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco como Regueifa máis entroideira. Estimouse en 800 persoas os asistentes a unha gala que contou coa interpretación en lingua de signos a cargo de dúas integrantes da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA).
Valoración dende Coristanco
Logo da recollida en Pontevedra, dende o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco manifestaron a «satisfacción» polo recoñecemento, destacando esforzo, creatividade e compromiso: «Supón un impulso para seguir traballando na difusión da regueifa entre a xente máis nova e na recuperación das tradicións propias». Faísca Bergantiñá presentou un vídeo cunha disputa en forma de regueifa entre dúas aldeas, Valenza e Rececinde, por ver cal ten os mellores traxes de entroido. Para a gravación, o alumnado realizou unha recreación dos traxes tradicionais das súas aldeas: unha posta en valor do patrimonio, pois. Enmarcan o traballo nun plan Proxecta + de Innovación en Dinamización Lingüística da Xunta, mediante o cal promoven actividades para o fomento do uso do galego e a difusión da cultura popular entre o alumnado.