Última hora
El presunto testaferro confiesa en un escrito al juez que Zapatero medió en el rescate de Plus Ultra

Do teatro en Paiosaco ás tapas en Muxía: citas para este venres na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Quercus Blues estará hoxe na sede de Espiral Maior Foro, Carballo
Quercus Blues estará hoxe na sede de Espiral Maior Foro, Carballo BASILIO BELLO

Carballo sobresae tamén con varias propostas, entre elas Primaveira enDanza, Interplay e un concerto

17 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Este venres 17 de abril non poderá deixar de visitar Carballo. Coinciden dous festivais, o Carballo Interplay —ver aquí— e o Primavera en Danza —ver aquí—, mais tamén hai outras citas na Costa da Morte. Entre as destacadas, todas estas: 

Paiosaco • Entre o simbolismo e o realismo máxico transita a proposta de hoxe no ciclo Primavera Teatral de Paiosaco, promovido polo Concello larachés. Ás 21.00 horas, no centro sociocultural, podreán os espectadores gozar de Abra da Cabra, de Lila Teatro, a historia dunha cabra montesa que decide convivir co ser humano: «Unha viaxe tan delirante como reflexiva sobre o proceso civilizatorio, a adaptación e o conflito entre natureza e sociedade». Gratuíto.

Muxía • Bar O Porto, restaurante A Furna, Pedra de Abalar, Miramar, Antoxiños, Ven de Tapeo, cámping LagoMar e bar Caramba son os locais participantes na ruta Tapea Muxía que hoxe bota a andar na localidade. Nesta primeira xornada poderán degustarse de 19.00 a 21.00 horas, amenizada pola charanga O Rumbo. O custe: 1,50 euros. Cubrindo a ficha con selos poderase entrar no sorteo de atractivos agasallos. Dinamizar o sector hostaleiro, promover o consumo local e dar a coñecer a excelencia gastronómica do municipio: eses son os obxectivos da iniciativa.

Muxía • Máis citas na vila da Barca, neste caso no albergue Bela Muxía ás 19.00. Concerto gratuíto de cancións escritas no Camiño. De balde.

Vimianzo • Prepárase o municipio, da man da Asociación Astroturismo, para a eclipse do 12 de agosto. Charla aberta ás 19.00 horas na Casa da Cultura e posterior observación guiada dende o miradoiro de San Bartolo (Salto), ás 22.00 e 23.00. Imparte as actividades Javier Ares.

Carballo • Público miúdo de 5 a 11 anos terá nas escolas Agra de Caldas o obradoiro Contos, cantos, poemas e xogos, con Marta Ortiz. É parte do programa De landras a carballos, impulsado por Igualdade e Normalización Lingüística.

Carballo • Tamén na capital de Bergantiños, ás 20.00 horas na sede de Espiral Maior Foro (rúa Sol), actuación do grupo Quercus Blues, carballés. Huguette Periscal e Andrés Rey presentarán o seu último traballo, Cara a cara. Conduce o acto Xabier Graña. Acceso libre.

Máis Carballo • A familia LM Sports & Fitness ten hoxe unha cita importante, pois das 20.30 horas en adiante festexarase a reapertura das instalacións no polígono de Bértoa. Será tempo de coñecer novidades neste novo paso adiante polo coidado.

Avanzará asemade a Escola de Coidadores de Afaber. Cuarta sesión hoxe ás 17.00: o papel da logopedia nas enfermidades. Imparte Nerea Vázquez no local social da entidade, en Mirón, Bértoa.

Cee • Bota a andar o programa Emprende! do GALP Costa da Morte: 17.00 horas, sala de conferencias da Casa da Cultura de Cee. Unha cita para quen pense emprender ou para quen emprendese e precise asesoramento.

A Laracha • Cita coa solidariedade. Unha unidade móbil para a doazón de sangue prestará servizo hoxe de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 na Praza do Concello larachesa.