O equipo de Voz Audiovisual fíxose con arredor de media ducia de posibles candidatos ao concurso
10 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O equipo de Voz Audiovisual saíu onte ledo de Carballo. Aos pés da antiga cafetería Sinanoga e en xoves de mercado, fixéronse con arredor de media ducia de posibles candidatos a concursar no Atrápame se podes (TVG). Aproveitaron ademais para repartir información e semella que os carballeses son ben botados para adiante nestes menesteres. Ou, cando menos, máis ca noutros lugares.
Pasaron polas probas dende mozos de trinta anos ata outros mozos xa máis veteranos, de 60 en adiante, e tanto lle deron aos test como a algún baile diante da cámara ou mesmo expuxeron brevemente algún dato da súa vida. O primeiro dos que se achegou fíxoo con coñecemento de causa, sabía polas novas que tocaba cásting, pero moitos dos outros acudiron pola curiosidade de saber que se facía alí e para confesar que vían o programa, e que lles agradaba, aínda que rexeitasen optar a concursar «por vergoña». Mentres, o bote segue aumentando.