Libros e teatro, cos grandes Mofa e Befa en Paiosaco, un bo plan de venres
CARBALLO
Cando menos tres presentacións literarias están previstas hoxe na Costa da Morte: Carballo, Cee e Zas
10 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Dramaturxia e literatura terán importante peso na axenda deste venres 11 de abril. Hai cita destacada en Paiosaco (A Laracha). Alí, no centro sociocultural da Porta Santa, botará a andar unha nova edición da Primavera Teatral organizada polo Concello e farao cunha agrupación de altura, Mofa e Befa. Baixo o selo de bo facer de Excéntricas, ofrecerán ás 21.00 horas a peza Os dous de sempre, inspirada no universo de Castelao e con Pedriño e Rañolas, personaxes antagónicos, como protagonistas. A cita de hoxe vai de rir, pois é unha comedia, mais tamén de pensar, pois enraíza coa identidade cultural galega e fai retrato da condición humana. Con dirección de Quico Cadaval, subirán ao escenario Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto. O acceso é libre e gratuíto, ata completar o aforo do auditorio.
No referente á lectura, os máis pequenos —de 0 a 3 anos— poderán achegarse a ela hoxe a través do espectáculo Risotadas, previsto para as 17.30 na biblioteca municipal de Coristanco. E en canto a presentacións literarias propiamente ditas, cando menos tres citas este venres na Costa da Morte:
Carballo • A escritora Olaia Sendón intervirá ás 20.00 horas na libraría Espazo Lector Nobel para falar da súa obra A casa grande, finalista ao Premios Xerais de Novela.
Cee • Ás 20.00 horas, no IES Fernando Blanco, presentación de En vísperas de nada, ensaio sobre o mundo rural, de José Pardiñas Alvite.
Zas • Avanza o ciclo Mulleres e Territorio: Cari Ca presenta o seu libro Coralia e Maruxa, ás 13.30 no auditorio.